A partir dos datos de produción eléctrica por fontes divulgados por Rede Eléctrica, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) estima que a xeración eléctrica en Galicia emitiu 1,4 millóns de toneladas de gases causantes de cambio climático durante 2024, o que representa unha redución dun 50% con respecto ao ano anterior.
Son as emisións máis baixas de polo menos as últimas cinco décadas.
Fin do carbón e moi bo ano hidroeléctrico
O abandono total do carbón e a elevada produción hidroeléctrica son as razóns principais da forte diminución en 2024 das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) da produción eléctrica.
A xeración de electricidade supón un 15-20% das emisións totais brutas de Galicia, lideradas na actualidade polo transporte e o sector agrario.
Pechada a central térmica de carbón das Pontes en outubro de 2023, 2024 foi o primeiro ano sen produción eléctrica con carbón, con moita diferenza a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal GEI.
Por outro lado, a electricidade obtida a partir da auga aumentou o 20%, superando os 10.000 GWh, o que non acontecía desde 2010, compensando así con folgura a redución da achega das demais renovábeis.
Ambos os dous feitos foron decisivos para que o peso das renovábeis (sen residuos orgánicos) na produción eléctrica escalase até o 83,2%.
Produción eléctrica en Galicia
| 2023 | 2024 | |||
| Fontes | MWh | % total | MWh | % total |
| Hidráulica | 8.371.892 | 35 | 10.065.727 | 43,4 |
| Eólica | 9.106.258 | 38,1 | 8.854.526 | 38,2 |
| Solar fotovoltaica | 22.267 | 0,1 | 22.038 | 0,1 |
| Biomasa e biogás | 355.028 | 1,5 | 336.044 | 1,5 |
| Xeración renovábel | 17.855.445 | 74,7 | 19.278.335 | 83,2 |
| Turbinación bombeo | 199.055 | 0,8 | 203.212 | 0,9 |
| Ciclos combinados (gas fósil) | 3.759.493 | 15,7 | 2.099.071 | 9,1 |
| Carbón | 629.209 | 2,6 | -83 | 0 |
| Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel) | 1.142.152 | 4,8 | 1.256.185 | 5,4 |
| Residuos | 319.602 | 1,3 | 337.960 | 1,5 |
| Xeración non renovábel | 6.049.511 | 25,3 | 3.896.345 | 16,8 |
| Total | 23.904.957 | 23.174.680 | ||
Fontes: Red Data (https://www.ree.es/es) e app redOS de Rede Eléctrica. Nota: Todos os residuos inclúense na produción non renovábel, a diferenza do criterio usado por Rede Eléctrica.
O abandono do carbón fixo caer o factor de emisión de CO2
A desfosilización da produción eléctrica galega experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón inducido pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións, e a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel.
Así, o factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 60 gr CO2eq/KWh entre 2018 e 2024. Iso significa que na nosa terra, para un mesmo consumo eléctrico efectuado en fogares, industrias ou vehículos, as emisións asociadas de gases causantes de cambio climático foron en 2024 unhas seis veces menores que en 2018.
O aumento da electrificación do consumo enerxético para substituír produtos petrolíferos e gas fósil nunca foi tan vantaxosa para o clima en Galicia.
Sen embargo, a electrificación da economía galega non só non medrou nos últimos anos senón que baixou. A electricidade pasou de representar o 26% do consumo enerxético galego en 2018 ao 22,7% en 2022, ano máis recente con datos. Un dato tan preocupante para a acción climática como o escaso crecemento da potencia eléctrica renovábel, que tan só medrou en 578 MW desde 2018 (+8,1%), segundo Rede Eléctrica (non inclúe autoconsumo solar).
Máis electrificación e produción eléctrica 100% renovábel
O bo dato sobre as emisións do sector eléctrico en 2024 non pode ocultar o lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia que representa a falta de avances na electrificación e na instalación de potencia eléctrica renovábel.
As emisións totais brutas de gases de invernadoiro en Galicia son hoxe (2022) un 33% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao declive do carbón, mais en 2030 deberían ser xa un 65% menores, para estarmos en liña co Acordo de París. Para iso, é fundamental descarbonizar totalmente a produción eléctrica e duplicar a electrificación da economía antes de 2030.
Noticias relacionadas
A desfosilización da produción eléctrica galega estáncase (2023)
Aumentan as emisións de gases de invernadoiro da produción eléctrica galega (2022)