A produción das centrais de gas fósil apenas baixou no primeiro semestre de 2023

A produción das centrais de ciclo combinado a gas fósil aumentou o 68% no primeiro semestre de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022 e tan só baixou un 4% en comparación con 2022, a pesar da recuperación da produción hidroeléctrica.

Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica de España (REE) (1), a xeración eléctrica renovábel en Galicia aumentou o 43% no primeiro semestre de 2023 con respecto a 2022, debido sobre todo ao aumento da xeración hidroeléctrica, moi minguada o ano pasado pola seca. Sen embargo, a xeración renovábel tan só creceu o 3% con respecto á produción media durante os seis primeiros meses do ano rexistrada no período 2018-2022

Lonxe do 100% renovábel para 2030

Malia o seu cativo aumento, o peso das renovábeis no total da electricidade producida na nosa terra subiu en relación á media dos cinco anos anteriores para situarse no 75,5% no primeiro semestre de 2023 (2). 

Unha cifra  lonxe do obxectivo do 100% para 2030, o máis aliñado co Acordo de París contra o cambio climático, mais tamén inferior aos obxectivos para o mesmo ano da Xunta (84,8%) e do Goberno estatal (81% de media en España no borrador de actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima).

Fontes1º semestre 20221º semestre 2018-20221º semestre 2023
MWh% totalMWh% totalMWh% total
Hidráulica1.965.44819,14.316.85333,04.367.20135,4
Eólica4.199.26240,84.489.61334,34.773.91038,6
Solar fotovoltaica11.6130,110.6790,111.9680,1
Biomasa e biogás292.1252,8199.6561,5173.6551,4
Xeración renovábel6.468.44762,89.016.80168,99.326.73575,5
Turbinación bombeo34.9530,326.3170,288.1290,7
Ciclos combinados (gas fósil)1.965.84319,11.123.3718,61.891.01415,3
Carbón652.8316,31.619.92812,4281.3942,3
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.004.0519,71.130.7138,6626.8685,1
Residuos175.6391,7164.0051,3139.4951,1
Xeración non renovábel3.833.31737,24.064.33331,13.026.90024,5
Total10.301.76410013.081.13510012.353.635100,0

De acordo cos datos de REE, a potencia renovábel instalada en Galicia medrou tan só 2,4 MW (+0,03%) durante os seis primeiros meses de 2023. Nesta cifra non se inclúe o autoconsumo solar fotovoltaico, que está a experimentar un bum, mais que aínda así só terá achegado unhas decenas de MW máis á capacidade galega de produción eléctrica no que levamos de 2023.  

A participación das fontes renovábeis na xeración eléctrica no primeiro semestre de 2023 aumentou en 6,6 puntos con respecto ao mesmo período de 2018-2022 por causa principalmente do descenso da produción das centrais térmicas de carbón de Meirama (pechada en 2020) e As Pontes. Tamén influíu a baixada da achega das centrais de coxeración con gas fósil e produtos petrolíferos, utilizadas por algunhas das maiores industrias galegas para se autoabasteceren de electricidade e calor.

A transición eléctrica avanza moi lentamente

Debido ao lento avance da transición eléctrica que se arrastra desde a década de 2010, as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) están a cubrir grande parte do oco deixado polas centrais de carbón e de coxeración.

A produción das centrais de gas aumentou o 68% no primeiro semestre de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022 e tan só baixou un 4% en comparación con 2022.

As centrais de gas fósil chegaron a ser a principal fonte de electricidade en Galicia durante o mes de xuño, debido a unha acusada baixada da xeración eólica, atinxindo o 35,6 % da produción total. Até o mes pasado só lideraran a produción eléctrica mensual no noso país en xuño e agosto de 2019 (cando menos desde xaneiro de 2013). Estas centrais son abastecidas a través de regasificadora de Reganosa, da que a Xunta é copropietaria.

2023 podería ser o ano do fin da central de carbón das Pontes se se confirmar o seu peche no vindeiro setembro, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica foi atrasando de forma inxustificada desde que Endesa o solicitou xa en decembro de 2019. No primeiro semestre de 2023 esta central só achegou o 2,3% da electricidade xerada en Galicia e a súa produción baixou o 83% con respecto  á media para o mesmo período en 2018-2022. Con todo, será suficiente para colocala entre as maiores industrias emisoras de gases de invernadoiro en Galicia durante 2023.

Duplicar a potencia renovábel e a electrificación até 2030

Os datos sobre a produción eléctrica en Galicia no que levamos de ano confirman a tendencia dos últimos anos a un certo estancamento das renovábeis e a un alarmante protagonismo do gas fósil, o   que unido á falta de avances na electrificación do consumo de enerxía e no almacenamento de electricidade, lastra a loita contra a crise climática global desde Galicia.

A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), é preciso duplicar como mínimo a potencia eléctrica renovábel e a electrificación da demanda enerxética no que resta de década, así como pechar a central de carbón das Pontes en 2023 e as centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.

Notas

1.Datos procedentes de Red Data (https://www.ree.es/es) e da app redOS.

2. Non se inclúe a incineración de residuos orgánicos, considerada oficialmente como fonte de enerxía renovábel.

Deixar un comentario