Coincidindo coa semana final da conferencia climática de Belém do Pará (COP 30), Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) reclaman unha Lei do Clima de Galicia ambiciosa.
O proxecto de lei actualmente a debate no Parlamento de Galicia carece dos obxectivos e medidas necesarias para acelerar a redución das emisións galegas de gases de invernadoiro. As emisións brutas de Galicia seguen a ser superiores á media española en termos per cápita.
Non hai folla de ruta para o abandono da enerxía fósil
A maior eiva do Proxecto de Lei do Clima de Galicia presentado pola Xunta é a ausencia de metas e instrumentos para promover un rápido abandono do uso de combustíbeis fósiles, orixe do 72% das emisións brutas do noso país (2023) .
A desvinculación entre a política climática e a enerxética conságrase co cambio de nome do actual Plan Rexional de Enerxía e Clima, que pasará a chamarse de Acción Climática.
“Resulta sorprendente e por suposto censurábel que o texto de Lei do Clima non mencione nin unha soa vez os combustíbeis fósiles e non aborde a transición enerxética. A Xunta debería saber mellor que ninguén que a dependencia de Galicia da importación de combustíbeis fósiles é moi significativa e que non se pode avanzar nunha transición real sen abrir un debate social sobre a planificación do abandono da enerxía fósil en todos os sectores”, afirman as organizacións.
A transición enerxética é a principal acción climática
Segundo Greenpeace e o OGACLI a principal acción climática a impulsar, que non a única, é unha transición enerxética rápida e xusta para acadar un sistema enerxético galego 100% renovábel antes de 2040.
Para iso, é fundamental planificar o fin do sector enerxético fósil (refinaría, centrais de gas fósil, regasificadora) e impulsar tanto o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis como unha maior electrificación da economía. O Proxecto de Lei do Clima pasa totalmente de perfil por estas cuestións, a pesar do estancamento actual da transición enerxética en Galicia.
Nos últimos anos o único avance importante foi o peche das centrais de carbón, causa principal da caída do 39% das emisións brutas de gases de invernadoiro entre 2018 e 2023.
As organizacións tamén denuncian que a falta de medidas para desbloquear e impulsar a transición enerxética, xunto coa non definición de obxectivos para a redución das emisións brutas e as absorcións netas de carbono no sector “Uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura”, restan credibilidade á meta da Xunta de lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) en 2040.
Unha meta que si supón un avance con respecto ao anteproxecto de lei sometido a consulta pública en 2023, que atrasaba o obxectivo a 2050, e que as organizacións celebran.
Un proxecto de lei de contido mínimo
Outras carencias notábeis do proxecto de lei teñen que ver coa falta de determinación de medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, a non aplicación de instrumentos de fiscalidade verde, o esquecemento da transición xusta ou a escasa promoción da educación ambiental e da participación cidadá.
Greenpeace e o OGACLI tamén chaman a atención sobre algúns retrocesos do actual texto con respecto ao anteproxecto de lei de 2023. Por exemplo, desapareceu a obriga de establecer orzamentos de carbono para períodos de cinco anos, a integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (transporte, enerxía,…) pasou de ter pouca concreción a non ter ningunha e elimináronse os programas de descarbonización das administracións públicas.
Avances: Oficina Galega de Cambio Climático e contratación pública verde
Os únicos avances para a loita climática a destacar son a creación da Oficina Galega de Cambio Climático, que non estaba prevista no anteproxecto de lei, e a regulación da contratación pública verde, derivada da normativa europea.
Non se pode considerar un avance a creación dun mercado voluntario galego de carbono ao servizo do “lavado verde” empresarial e da promoción das plantacións forestais.
“O Proxecto de Lei do Clima de Galicia, de non ser obxecto de melloras importantes durante a súa tramitación parlamentaria, será un instrumento moi pouco útil para a redución das emisións de gases de invernadoiro e a adaptación á crise climática en Galicia”, conclúen as organizacións.