O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2022)”, baseado nos datos máis recentes para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Suba das emisións de GEI, gases precursores de ozono e PM2,5 en 2022
A repunta no consumo de combustíbeis fósiles no sector enerxético e no transporte, xunto co incremento das emisións debidas aos incendios forestais, foron as principais causas do aumento das emisións á atmosfera en Galicia durante 2022, último ano para o que se dispón de datos oficiais.
As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) subiron o 2,5%. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono troposférico (+3,9%) e de partículas respirábeis PM2,5 (+29,7%). Tan só non creceron as emisións de gases acidificantes, que se mantiveron estábeis (-0,2%).
Descenso xeralizado con respecto a 1990
Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, constátase unha baixada xeralizada das emisións á atmosfera en Galicia, aínda que insuficiente para contribuírmos con xustiza á mitigación da crise climática global e para lograrmos unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS).
As emisións de contaminantes atmosféricos reducíronse nas últimas décadas en maior medida que as de gases de invernadoiro causantes de cambio climático.
As emisións de gases acidificantes diminuíron en 2022 nun 82,4% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 50,2%, sempre en comparación con 1990. As de partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5) baixaron o 52,1% en relación a 2000 (non hai datos oficiais para 1990-2000).
Sen embargo, as emisións brutas de GEI só minguaron o 33% con respecto a 1990. Polo tanto, aínda estamos ben lonxe do obxectivo do 65% que se debería acadar xa en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París.
As causas principais da diminución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas tres décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e das propias centrais de carbón mentres estiveron en funcionamento.
Transporte e sector agrario son os maiores emisores
Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é a maior fonte no noso país de contaminantes atmosféricos e de GEI.
O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2022 a principal fonte de gases acidificantes (65,4% das emisión totais), mentres que o transporte liderou as emisións de gases de invernadoiro (27,2%) e de gases precursores do ozono malo (42,9%) (no caso destes gases inclúese tamén a maquinaria móbil).
No tocante ás partículas PM2,5, a combustión non industrial (principalmente doméstica) resultou ser a maior fonte (40,4%) en 2022, a pesar do aumento das emisións dos lumes rurais con respecto a 2021.
Tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar o desenvolvemento renovábel e a electrificación do consumo enerxético, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar máis o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais.