Os desequilibrios entre produción e consumo enerxético en Galicia

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “A diversa realidade enerxética de Galicia”, baseado nos datos oficiais dispoñíbeis máis recentes sobre o consumo de enerxía final (polo tanto non só de electricidade) e de produción eléctrica por provincias.

O informe analiza a situación  en cada unha das provincias, constatando a existencia de importantes desequilibrios entre produción e consumo no interior de Galicia a escala provincial.

Uns dous terzos do consumo de enerxía  en Galicia concéntrase nas provincias da Coruña e Pontevedra, a pesar de ocuparen pouco máis do 40% do noso territorio. Con todo, o seu consumo enerxético é algo inferior ao seu peso na poboación e no PIB. Isto é así porque o consumo enerxético en Lugo é ben superior ao que cabería agardar por poboación e PIB, xa que está moi condicionado pola enorme demanda de gas fósil e de electricidade da fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa na Mariña luguesa.

Semella claro que o consumo enerxético na nosa terra está hoxe moi concentrado na franxa costeira, aínda que non se coñecen publicamente datos de consumo por municipios e comarcas, o que ofrecería unha imaxe máis precisa das disparidades territoriais no consumo.

Aínda que se adoita pór o foco na electricidade, son os combustíbeis fósiles os que dominan amplamente o consumo enerxético en todas as provincias. Por termo medio, en 2016-2021, os combustíbeis fósiles representaron entre o 56% do consumo total na Coruña e o 65% en Ourense, unha participación nos usos enerxéticos finais moi superior á da electricidade, que varía entre o 21% de Pontevedra e o 32% de Lugo.

O resto da enerxía empregada é achegada pola biomasa e outras renovábeis non eléctricas e máis polos residuos.

A substitución de combustíbeis fósiles por electricidade renovábel limpa (eólica, hidráulica, solar), mediante unha maior electrificación dos usos enerxéticos finais, é a principal vía para reducirmos drasticamente as emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático no que resta de década, crucial para evitar que o quecemento global non supere os 1,5⁰ C.

Hoxe a produción eléctrica limpa é claramente insuficiente, en maior ou menor medida, para remudar os produtos petrolíferos e o gas fósil (tamén chamado gas natural) en todas as provincias galegas.

A única excepción é Ourense que, en anos sen seca, coa xeración eléctrica obtida no seu territorio, maioritariamente de orixe hidráulica, podería desfosilizar o consumo  enerxético propio aumentando a electrificación da economía.

Paradoxalmente, Ourense é a provincia galega co consumo enerxético menos electrificado (xunto con Pontevedra) e máis dependente de combustíbeis fósiles, o que constitúe un excelente exemplo de que a electricidade limpa producida nun determinado territorio non contribúe á propia descarbonización se é exportada masivamente.

Uns dous terzos da potencia renovábel eléctrica limpa instalada en Galicia concéntrase en Ourense e en Lugo. Nas provincias interiores a produción eléctrica é xa practicamente 100% renovábel e supera o consumo eléctrico propio. En cambio, a electricidade  limpa xerada na Coruña e Pontevedra está lonxe de cubrir o seu consumo eléctrico actual.

O déficit renovábel das provincias costeiras multiplícase se se compara a produción eléctrica limpa non só co consumo eléctrico senón coa suma deste e do de combustíbeis fósiles a substituír, pois só equivale a un 20% na Coruña e a un 10% en Pontevedra, porcentaxe que en Lugo sobe até case o 50% e en Ourense atinxe o 90% (2021) (1).

O consumo de enerxía fósil, ben no sector enerxético ou ben en usos finais, é a principal fonte de emisións de gases de invernadoiro en todas as provincias, sobre todo na Coruña e en Pontevedra, onde supón perto do 80% das emisións totais.

As principais accións a favor do clima en Galicia son a planificación do fin do sector enerxético fósil –moi concentrado na Coruña- e a substitución dos combustíbeis fósiles por electricidade limpa, o que require de aumentos simultáneos da produción eléctrica limpa e da electrificación, nomeadamente en Coruña e Pontevedra.

Nota

1. A relación entre a produción eléctrica limpa e a suma de consumo eléctrico e de combustíbeis fósiles ofrece unha idea aproximada da dimensión do déficit de electricidade limpa necesaria para a desfosilización do consumo enerxético. En principio, non sería necesario substituír a enerxía fornecida hoxe por combustíbeis fósiles pola mesma cantidade de electricidade, pois a electrificación implica en xeral unha maior eficiencia e unha redución do consumo para un mesmo uso.

Informe A diversa realidade enerxética de Galicia

Deixar un comentario