A central de carbón das Pontes apagouse

O 4 de outubro apagouse de vez a central de carbón das Pontes. Foi un dos maiores focos emisores de dióxido de carbono (CO2) de Europa até o seu declive definitivo, a partir de 2019. E mesmo durante os seus últimos anos de vida seguiu a ser unha das maiores fábricas de cambio climático de Galicia. O seu peche é un fito na loita contra a crise climática.

Segundo esta noticia, a central térmica de carbón das Pontes, a máis potente do Estado español, produciu ao longo da súa vida un total de 350.000 GWh, isto é, 350 millóns de MWh.

Cantas emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro, causou a produción eléctrica da térmica de carbón das Pontes? O factor de emisión de CO2 por MWh xerado nesta central ten variado ao longo do tempo e non dispomos de datos ao respecto. Mais, para facermos un cálculo bastante aproximado, podemos utilizar o factor de emisión de CO2 promedio para as centrais de carbón peninsulares usado por Rede Eléctrica de España (REE) na estimación das emisións de gases de invernadoiro asociadas á xeración eléctrica, factor que ascende a 0,95 toneladas/MWh.

Aplicando o devandito factor á produción total da central, 350 millóns de MWh, conclúese que a central de carbón das Pontes emitiu nada menos que uns 332,5 millóns de toneladas de CO2 ao longo da súa vida. Causou 17,4 veces máis impacto climático que toda Galicia en 2021, ano máis recente con datos. Contribuíu tanto á crise climática como Galicia faría en 17 anos coas emisións actuais. Ou, por outras palabras, como 17 Galicias en 2021.

O CO2 emitido pola central de carbón das Pontes ficará na atmosfera durante décadas e mesmo séculos, dado o seu longo tempo de permanencia. Continuando a provocar crise climática.

A continuación salientamos algúns feitos relevantes na historia da central de carbón das Pontes e da do combate polo seu peche.

1976: Entre 1976 e 1979 entran en funcionamento os catro grupos que forman a central. Suman unha potencia de 1.400 MW. É a maior central térmica de carbón española.

O oco deixado pola mina de carbón situada ao pé da central deu lugar a un lago.

1997: A partir deste ano, alén do lignito extraído na mina aberta ao pé da central, a central consome tamén carbón importado (Indonesia, Rusia, Colombia, EEUU,…). Deste xeito, reduce as súas emisións tóxicas de dióxido de xofre (SO2).  Chegou a ser un dos maiores focos emisores de SO2 de toda Europa nos seus primeiros anos de vida.

Carbón usado nas centrais de carbón de Meirama e As Pontes, expresado en miles de toneladas equivalentes de petróleo (ktep). Fonte: Balance enerxético de Galicia 2021. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

1998: Remata a privatización de Endesa, a empresa propietaria da central. Paradoxalmente, Endesa está desde 2009 en mans da eléctrica pública italiana Enel.

2002: Greenpeace proxecta un signo negativo na central e coloca unha faixa cun signo positivo no parque eólico das Somozas.

Greenpeace desenvolveu diversas accións denunciando o enorme impacto climático da central de carbón das Pontes.

2004: Sindicalistas e políticos defensores do carbón amósanse moi preocupados polas consecuencias en Galicia do comercio europeo de emisións, que comezou a funcionar no ano seguinte. Finalmente, este instrumento de mercado acabou por ser decisivo na perda de rendibilidade das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, moi intensivas en emisións de CO2, mais habería que agardar por iso até 2019.

Prezo do CO2 no Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). Fonte: Observatorio da Transición Enerxética e a Acción Climática (OTEA).

2006: Unha marcha polas renovábeis organizada por Greenpeace percorre durante dúas semanas as centrais térmicas do norte de España, con parada tamén nas Pontes. Pide menos CO2 e máis renovábeis. A central de carbón das Pontes foi, en moitos anos da súa longa vida, o maior foco emisor de CO2 do Estado español.

Marcha polas renovábeis ao seu paso polas Pontes. O desenvolvemento eólico iniciado a finais da década de 1990 contribuíu a tornar innecesario o carbón.

2008: A central comeza a usar só carbón de importación, logo dunha nova adaptación para reducir máis as súas emisións tóxicas (SO2, NOX, partículas). Greenpeace proxecta na central imaxes da crise climática en España.

2009: Activistas de Verdegaia concéntranse diante das centrais de carbón e de gas fósil das Pontes para construíren o lema “Aquí comeza a mudanza climática”. A central de ciclo combinado a gas fósil, veciña da de carbón e tamén propiedade de ENDESA, iniciou a súa produción en 2007. Ten 870 MW de potencia. A día de hoxe, non está planificado o seu peche, como tampouco o estivo nunca o da central de carbón.

Protesto de Verdegaia diante da central de carbón das Pontes.

2010. Os principais partidos (PP, PSOE, BNG) e sindicatos (CIG, CCOO, UGT) galegos defenderon constantemente e até o fin a actividade das centrais de carbón das Pontes e Meirama. Este ano mobilízanse en resposta a un decreto estatal que as prexudica por favorecer o uso de carbón español, mais que acabaría por ter un efecto limitado. Como reacción, organizacións ecoloxistas lanzan o manifesto “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón.

Manifestación en Ferrol polo “dereito” a producir electricidade con carbón importado.

2018. Perante a obriga europea de as empresas propietarias acometeren novas reformas das centrais de carbón para continuaren a reducir as emisións tóxicas, as institucións galegas presionan a favor da continuidade das centrais das Pontes e Meirama até mediados de século. A finais de ano créase a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” co propósito de acabar coa produción eléctrica a partir de carbón antes de 2025.

2019. A suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións provoca unha queda da produción da central por falta de rendibilidade económica. Endesa interrompe a reforma en marcha da central e solicita o 27 de decembro a autorización de peche ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.

2021. Finalmente desbótase a “solución de futuro” defendida por institucións, partidos e sindicatos para alongar a vida da central de carbón, consistente na co-combustión de carbón e residuos. Endesa insiste na súa vontade de pechar a central, mais o Ministerio para a Transición Ecolóxica segue a atrasar a autorización do peche.

2022. En setembro o Ministerio para a Transición Ecolóxica autoriza o peche de dous dos catro grupos da central e difire o dos outros dous. Coa excusa dos efectos da invasión rusa de Ucraína a central gaña un derradeiro alento.

2023. En agosto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica dá o seu visto e prace a Endesa para pechar os dous grupos da central aínda operativos. O 4 de outubro a central apágase definitivamente despois de 47 anos de vida.

Deixar un comentario