Un escenario enerxético ecoloxista para Europa

O escenario Paris Agreement Compatible (PAC) propón un camiño científica e tecnicamente fundamentado para transformar o sistema enerxético europeo de forma a descarbonizalo rapidamente. Está aliñado co obxectivo de limitar a 1,5 graos o aumento da temperatura media global.

Representa un salto na formulación de propostas enerxético-climáticas desde a sociedade civil. Do consorcio promotor do PAC fan parte Climate Action Network (CAN) Europe e o European Environmental Bureau (EEB), a federación ecoloxista europea. 

As metas do PAC son máis ambiciosas que as actuais da UE: polo menos -65% de emisións brutas de gases de invernadoiro en 2030 (máis de 10 puntos menos) e emisións netas cero en 2040 (dez anos antes da meta oficial).

A estratexia climática da Xunta procura para Galicia unha redución dun 50% das emisións brutas de gases de efecto invernadoiro en 2030 e a neutralidade climática en 2040.

Metas do escenario PAC

O PAC incorpora o principio da xustiza climática. Por iso é ambicioso, limitando as emisións netas acumuladas en 2020-2050 a 27,5 Gt. Con todo, non sería suficiente, tendo en conta a responsabilidade histórica e as capacidades da UE. Cómpre tamén unha importante axuda para a mitigación e a adaptación climática no Sur global.

O escenario PAC sería moi difícil de materializar pero estaría dentro do posíbel, se o contexto social e político fose favorábel. Posúe unha consistencia e un grao de concreción moi superior ao que é habitual nas propostas alternativas sobre transición enerxética e mitigación climática.

O PAC salienta algunhas accións chave para lograr a neutralidade climática en 2040. Na seguinte táboa recóllense agrupadas por sectores principais.

SECTOR ELÉCTRICOEDIFICIOSINDUSTRIATRANSPORTE
Acelerar a instalación de potencia eólica e solar até 118 GW por ano (en 2024 medrou uns 70 GW).Triplicar o ritmo de rehabilitación enerxética dos edificios, acadando o 3% anual en 2030.Reducir o consumo de materias primas virxes.Investir máis no transporte público e nos modos non motorizados.
Investir nas redes eléctricas, almacenamento e flexibilidade. Acoplar a rehabilitación enerxética coa instalación de bombas de calor.Incrementar, a través do impulso da circularidade, o uso de materias primas secundarias chave, até o 70-80%.Reducir o parque automobilístico e que todos os novos coches sexan eléctricos a partir de 2030.
Descarbonizar o sector eléctrico primeiro.Desenvolver redes de calor (district heating).Electrificar os procesos, reservando o hidróxeno verde para a xeración de calor a moi altas temperaturas.Derivados do hidróxeno para o transporte aéreo e marítimo.

O PAC é un escenario que aposta fortemente polo decrecemento da demanda enerxética e de materiais, a través de mudanzas tecnolóxicas e sociais. O consumo de enerxía final reduciríase un 50% en 2040 con respecto a 2020.

A electrificación é un pilar chave para conseguir rapidamente un sistema enerxético eficiente e descarbonizado.

A electricidade cubriría directamente o 80% do consumo enerxético. Ademais sería necesaria para producir hidróxeno verde e derivados (amoníaco, metanol, electrocombustíbeis) para usos non electrificábeis.

Como ademais habería que desfosilizar o sector eléctrico e o escenario PAC aspira a prescindir da enerxía nuclear e da biomasa, sen aumentar a potencia hidroeléctrica, compriría un intenso e acelerado aumento da produción eléctrica renovábel eólica e solar, tal e como se reflite na seguinte gráfica. O que requiriría dunha rede eléctrica moito maior.

Produción de electricidade no escenario PAC (TWh).

A segunda edición do PAC caracterízase pola súa granularidade, pois proporciona sendas para a transición enerxética para cada un dos 27 Estados membros.

Para España o PAC tamén procura unha redución á metade do consumo de enerxía final en 2020-2040. Un enorme desafío que, por exemplo no caso do transporte, precisaría dun fortísimo impulso do transporte público, do car-sharing e da electrificación. A frota de coches reduciríase de 22,8 (2020) a 6,8 (2040) millóns.

A electrificación e a redución do consumo tornarían posíbel que as renovábeis cubrisen xa o 90% do consumo de enerxía final en 2035. Esta cifra ascendería ao 126,4% en 2040, o que indica a atribución polo escenario PAC a España dun papel exportador de enerxía cara a outros estados europeos.

No escenario PAC a neutralidade climática en España atinxiríase en 2035. En 2040 xa habería uns 50 millóns de toneladas de emisións netas negativas. Para conseguilo sería preciso un drástico recorte do consumo e un desenvolvemento renovábel masivo: a potencia eólica/solar tería que multiplicarse polo menos por oito.

Pero é que ademais dunha transición enerxética rápida sería necesario tamén algo non menos complicado: multiplicar por 2,5 as absorcións netas naturais de dióxido de carbono.

O escenario PAC é un máis dos que se poderían deseñar para unha descarbonización rápida da UE á altura da súa responsabilidade climática. Porén, ilustra ben o desafiante que iso é no mundo real.

Deixar un comentario