As emisións da produción eléctrica subiron en 2025

A xeración eléctrica en Galicia emitiu máis de 1,5 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático durante 2025. Isto representa un aumento dun 10% con respecto ao ano anterior.

Malia o incremento, 2025 foi o segundo ano con menores emisións de GEI do sector eléctrico galego nas últimas cinco décadas.

A pesar do lento crecemento da potencia renovábel, o declive final da queima de carbón provocou unha forte caída das emisións de GEI do sector eléctrico galego nos últimos anos.

O sector eléctrico pasou de achegar un 40% das emisións totais de Galicia en 2018 a un 15% en 2023.

O transporte e a gandaría intensiva son hoxe os sectores que máis contribúen á crise climática desde Galicia.

As centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes son hoxe responsábeis  duns dous terzos das emisións  de GEI do sector eléctrico galego. O aumento da súa produción nun 21% foi a causa da suba das emisións da produción eléctrica galega en 2025.

A maior actividade dos ciclos combinados veuse favorecida polo estancamento da potencia renovábel e polo maior recurso aos ciclos combinados despois do apagamento de abril.

A xeración renovábel (sen incluír a combustión de residuos orgánicos) recuou case tres puntos en 2025 até supor o 81,1% da total.

O fortalecemento da acción climática esixiría que antes de 2030 atinxise practicamente o 100%. O obxectivo da estratexia da Xunta é acadar o 85% en 2030 (incluíndo residuos orgánicos).

A baixada da produción renovábel (-9%) e o aumento da demanda eléctrica (+21%) pola recuperación parcial da actividade da fábrica de aluminio de Alcoa San Cibrao  aproximaron no cómputo anual a xeración renovábel (17,616 GWh) e a demanda interna (16,866 GWh).

Nun ano menos chuvioso ou con Alcoa en plena actividade, a electricidade renovábel xerada en Galicia non tería cuberto a demanda interna no cómputo anual.

A desfosilización da produción eléctrica galega experimentou un enorme salto desde 2018 por causa do declive final do carbón.

O factor de emisión de GEI caeu desde uns 370 a uns 70 gr de CO2eq/KWh entre 2018 e 2025. Isto significa para un mesmo nivel de consumo eléctrico, as emisións asociadas de GEI foron en 2025 unhas cinco veces menores que en 2018.

A electrificación do consumo enerxético en transporte, industria e fogares é hoxe a vía máis rápida para avanzar en Galicia na urxente descarbonización. 

Segundo Rede eléctrica, a potencia renovábel, incluíndo o autoconsumo solar fotovoltaico, tan só medrou en Galicia o 1,6% (+132 MW) en 2025.

O estancamento da potencia renovábel, xunto coa falta de avances na electrificación do consumo enerxético e a recuperación da actividade de Alcoa San Cibrao comprometen seriamente a redución de emisións de GEI en Galicia.

As emisións galegas brutas de GEI eran en 2023 (ano máis recente con datos) un 38,3% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao abandono do carbón na produción eléctrica. En 2030 deberían ser xa un 65% menores para estarmos en liña co Acordo de París.

Deixar un comentario