As emisións galegas de gases de invernadoiro baixaron o 7,5% en 2023

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2023)”, baseado nos datos extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica (1)

As emisións brutas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 17.775.135 toneladas en 2023, o que supón unha redución do 7,5% (-1.436.415 t) con respecto a 2022.

As causas deste descenso teñen moito máis que ver con  factores conxunturais que con avances na descarbonización.

A pesar da diminución das emisións en 2023, Galicia segue fóra dunha senda de redución das emisións compatíbel co Acordo de París (-65% en 2030 con respecto a 1990).

A metade da diminución das emisións de GEI en 2023 é atribuíbel ao sector enerxético  (-18,4%,-701.510 t), debido á recuperación da produción hidroeléctrica despois dun 2022 seco.

Trátase polo tanto dunha redución  causada polo tempo e non polo avance da transición enerxética.

A outra causa principal da baixada das emisións en 2023 foi a crise da industria metalúrxica (alúmina-aluminio, ferroaleacións), que impulsou un descenso importante das emisións da industria non enerxética (-17,5%, -502.918 t).   

O sector do transporte reduciu as súas emisións o 2,9% (-145.300 t) en 2023, o descenso interanual máis importante rexistrado desde 2013 (excluído 2020, influído pola COVID-19).

As causas principais desta baixada semellan ter sido as medidas para a promoción do transporte en tren e autobús e o fin das bonificacións aos combustíbeis para particulares aplicadas en 2022 a raíz da invasión de Ucraína. O reforzo do transporte público e a aplicación do principio “quen contamina paga” son chaves para poder consolidar e profundizar a redución das emisións neste sector.

Con todo, o transporte de persoas e de mercadorías segue a ser actividade que máis contribúe á crise climática desde Galicia, representando o 27,6% das emisións totais.

A industria enerxética fósil e o uso de produtos petrolíferos e gas natural nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…)  son  responsábeis en conxunto do 72% das emisións galegas de gases de invernadoiro. Polo tanto, o estancamento da transición enerxética é un pesado lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia

En 2023 a potencia renovábel eléctrica só medrou o 1% (incluíndo o autoconsumo solar) e o peso da electricidade no consumo de enerxía final recuou tres décimas.

1990 é o principal ano de referencia para as políticas climáticas. As emisións brutas de Galicia diminuíron o 38,3% entre 1990 e 2023, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 11,5 millóns de toneladas (-78,8%).

Para iso, foron decisivas a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e o incremento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrado a partir de 2019.

A pesar da redución en máis dun terzo das emisións totais en comparación con 1990, as emisións por habitante de Galicia (6,6 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (5,6 t) e só un pouco inferiores ás da UE (6,9 t).

Para contribuírmos á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións brutas un 65% en 2030 en relación a 1990.

Na recente actualización da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050 (EGCCE2050) a Xunta renunciou a explicitar un obxectivo para a diminución das emisións brutas en 2030.

O obxectivo de redución das emisións para 2030 asumido pola  EGCCE2050 ascende ao 75% e refírese só ás emisións netas (descontadas as absorcións de CO2, non asimilábeis a emisións). Isto implicaría seguramente un recorte das emisións brutas dun 50%.

Para lograrmos reducións ambiciosas das emisións brutas en Galicia no que resta de década é esencial duplicar á vez o grao de electrificación do consumo enerxético e a potencia eléctrica renovábel instalada, como sinalamos o OGACLI e Greenpeace no informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles.

Asemade, cómpre pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son as principais grandes emisoras de gases de invernadoiro no noso país, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.

Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2024 non se coñecerán até a primavera do próximo ano.

Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 25% do total das emisións galegas- ou o estancamento no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións reducíronse de novo en 2024, aínda que a un ritmo insuficiente.

Nota

1. Os datos para a serie anual que comeza en 1990 revísanse e actualízanse con cada nova edición do inventario estatal, polo que hai pequenos cambios nos datos previos a 2023 con respecto ás edicións anteriores do inventario.

Deixar un comentario