Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica (Redeia), a xeración eléctrica renovábel en Galicia aumentou o 43% nos nove primeiros meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2022, debido á recuperación da produción hidroeléctrica. Sen embargo, diminuíu o 3% en comparación coa produción media durante os nove primeiros meses do ano rexistrada no período 2018-2022.
A pesar de non ter aumentado en termos absolutos, a porcentaxe de produción eléctrica renovábel sobre a total subiu en relación á media dos cinco anos anteriores para se situar no 69,7% no que levamos de 2023 (sen incluír a incineración de residuos orgánicos).
Aínda estamos lonxe do obxectivo do 100% para 2030, o máis aliñado co Acordo de París contra o cambio climático, mais tamén dos obxectivos para o mesmo ano adoptados pola Xunta (84,8%) e o Ministerio para a Transición Ecolóxica (81% de media en España).
| Fontes | xan-set 2022 | xan-set 2018-2022 | xan-set 2023 | |||
| MWh | % total | MWh | % total | MWh | % total | |
| Hidráulica | 2.237.015 | 15,1 | 5.056.666 | 28,1 | 4.778.689 | 29,6 |
| Eólica | 6.312.767 | 42,6 | 6.218.849 | 34,5 | 6.178.383 | 38,3 |
| Solar fotovoltaica | 19.257 | 0,1 | 17.847 | 0,1 | 19.684 | 0,1 |
| Biomasa e biogás | 382.086 | 2,6 | 291.179 | 1,6 | 265.700 | 1,6 |
| Xeración renovábel | 8.951.125 | 60,4 | 11.584.541 | 64,4 | 11.242.457 | 69,7 |
| Turbinación bombeo | 57.711 | 0,4 | 31.715 | 0,2 | 156.389 | 1,0 |
| Ciclos combinados (gas fósil) | 3.653.616 | 24,6 | 2.148.662 | 11,9 | 2.977.660 | 18,5 |
| Carbón | 643.802 | 4,3 | 2.347.026 | 13,0 | 616.334 | 3,8 |
| Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel) | 1.289.780 | 8,7 | 1.645.652 | 9,1 | 904.128 | 5,6 |
| Residuos | 232.382 | 1,6 | 243.635 | 1,4 | 232.850 | 1,4 |
| Xeración non renovábel | 5.877.290 | 39,6 | 6.416.690 | 35,6 | 4.887.361 | 30,3 |
| Total | 14.828.415 | 18.001.231 | 16.129.817 | |||
A participación das fontes renovábeis na xeración eléctrica nos nove primeiros meses de 2023 medrou 5,3 puntos con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mais non polo aumento da súa produción senón polo descenso da xerada con carbón e nas centrais de coxeración fósil que subministran electricidade e calor a algunhas industrias.
A potencia renovábel instalada apenas medra
De acordo cos datos divulgados por Rede Eléctrica, a potencia renovábel instalada en Galicia ficou estancada durante os nove primeiros meses de 2023. Nesta cifra non se inclúe o autoconsumo solar fotovoltaico, que seguramente terá achegado unhas decenas de MW máis aos 7.702 MW de potencia renovábel, cun impacto moi limitado na produción.

Os ciclos combinados cobren parte do oco deixado por carbón e coxeración
O 4 de outubro pasado, coa desconexión da central de carbón das Pontes, foi o derradeiro día da xeración eléctrica con carbón en Galicia.
Nos nove primeiros meses deste ano o carbón importado achegou o 3,8% da electricidade obtida en territorio galego. Unha cantidade relativamente pequena, mais que abondará para colocar a esta central eléctrica entre as industrias galegas con maiores emisións de gases causantes de cambio climático en 2023.
A baixada da achega do carbón e das centrais de coxeración, alimentadas por gas fósil e produtos petrolíferos, provocou unha redución da produción eléctrica total e un incremento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).
A produción conxunta destas centrais medrou o 39% nos primeiros nove meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mentres o total de electricidade producida diminuíu o 10%.
Cómpre duplicar a potencia renovábel e a electrificación da economía
O lento avance da transición eléctrica en Galicia arrastrado desde comezos da década de 2010 está a fortalecer o papel das centrais de ciclo combinado a gas fósil inauguradas en 2007, especialmente en anos secos como o pasado e durante o verán.
Nos meses de xuño e xullo deste ano os ciclos combinados lideraron a produción eléctrica no noso país, atinxindo un 35% da total. Tamén cómpre destacar que a suma de todas as fontes non renovábeis representou o 44-50% da electricidade producida entre xuño e setembro.
A tendencia á estabilización da produción eléctrica renovábel nos últimos anos, unida á falta de progresos na electrificación do consumo de enerxía, está a lastrar a loita contra a crise climática desde Galicia.
A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), é preciso duplicar a potencia eléctrica renovábel e a electrificación da demanda enerxética no que resta de década, así como pechar as centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.