As emisións territoriais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de Galicia ascenden a 17.775.135 toneladas (2023). Isto supón unha redución do 38,3% con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas, e do 50% en comparación con 2005.
A versión actual (2025) da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 non formula ningún obxectivo de redución das emisións brutas para 2030. Só explicita un obxectivo para o recorte das emisións netas (-75% con respecto a 1990). Estimamos que isto implicaría unha diminución das emisións brutas dun 50%.
Un obxectivo máis acorde co límite dos 1,5 graos e coa xustiza climática global sería de polo menos -65% para 2030.
-38,3% (1990-2023)
-50%
Obxectivo 2030
O teito de emisións atinxiuse a comezos do século
Na traxectoria seguida polas emisións desde 1990 distínguense diferentes etapas:
-Unha primeira de ascenso, até chegar a un teito en 2001-2007. O pico atinxiuse en 2002 e 2004, anos con emisións practicamente iguais (36,8 millóns de toneladas).
-Unha etapa de descenso suave en 2008-2018. Despois dunha forte caída provocada pola crise económica iniciada en 2008 e un ano de moi elevada produción renovábel (2010), as emisións recuperáronse para se manter en niveis máis ou menos próximos aos de 1990 en 2011-2018.
-Unha queda abrupta en 2019-2020. O colapso do carbón na xeración eléctrica iniciado en 2019 e a crise provocada pola COVID-19 en 2020 son as causas principais.
-Unha repunta en 2021 e 2022 con respecto a 2020, despois de tres anos consecutivos de descensos.
-Unha redución en 2023 impulsada principalmente pola recuperación da produción hidroeléctrica logo dun ano 2022 seco e máis pola crise da industria metalúrxica (alúmina-aluminio, ferroaleacións).
Aquí debullamos os factores explicativos da evolución durante 2010-2020 das emisións asociadas á transformación e o consumo de enerxía fósil, que supuxeron entre o 70 e o 80% das emisións anuais ao longo dese período.
O descenso das emisións de GEI entre 1990 e 2023 en Galicia (-38,3%) foi ben maior que no Estado español (-5,8%), a pesar do cal as emisións por habitante de Galicia seguen a ser superiores á media española. E foi similar ao logrado na UE (-36,3%), producíndose unha converxencia coa UE en termos de emisións per cápita.
Descenso nin sostido nin homoxéneo
No período 1990-2023 nunca se superaron os tres anos consecutivos de redución das emisións.
Se a traxectoria de diminución tivese sido continuada, o noso volume de emisións acumuladas e, polo tanto, o noso impacto sobre o clima global, tería sido ben menor, para unha mesma porcentaxe de redución das emisións en 2023 en comparación con 1990. En 1990-2023 Galicia superou os 1.000 millóns de toneladas de emisións acumuladas de GEI.
O decrecemento medio anual das emisións territoriais de GEI aumentou desde -3 a -5% entre 2004-2013 e 2014-2023, grazas sobre todo á caída das emisións en 2019-2020.
Na procura dun recorte das emisións de polo menos o 65% en 2030 en relación a 1990 cumpriría diminuírmos as emisións nunha media anual dun -6% en 2021-2030. O obxectivo estimado da Xunta para 2030 (-50%) implicaría unha desaceleración do ritmo medio de redución das emisións con respecto ao do período 2014-2023.
O recorte das emisións por sectores ten sido moi desigual. Tanto en termos absolutos como relativos, o maior descenso tivo lugar no sector enerxético. De feito, a maior parte do descenso das emisións totais é atribuíbel ao sector enerxético. A pesar diso, aínda supón o 17,5% das emisións totais (2023).
A forte redución das emisións de gases de invernadoiro do sector enerxético galego rexistrada entre 1990 e 2023 foi debida principalmente á substitución da xeración eléctrica con carbón posibilitada polo desenvolvemento das enerxías renovábeis, nomeadamente da eólica.
As emisións da industria non enerxética atinxiron en 2023 o seu mínimo histórico desde 1990, tanto as asociadas ao consumo de enerxía fósil como as derivadas de procesos nos que non hai combustión. O descenso das emisións foi debido principalmente á industria metalúrxica, pola introdución de cambios tecnolóxicos e pola diminución da súa actividade nos últimos anos.
Algúns sectores non só non reduciron senón que mesmo aumentaron as emisións, caso do transporte, o sector agrogandeiro e o conxunto “outros sectores” (servizos, fogares e consumo de enerxía fósil no sector primario).
(Actualización: setembro de 2025).
Unidade
A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o dióxido de carbono (CO2).
Notas
Os datos considerados refírense a emisións brutas e non netas, polo que non se descontan as absorcións debidas á vexetación e ao solo. Estas non se poden asimilar ás emisións.
Os gases considerados son aqueles incluídos no Inventario estatal de GEI, elaborado conforme á Convención Marco das Nacións Unidas sobre cambio climático: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6). Polo tanto, non se inclúen contaminantes tóxicos como as partículas, o dióxido de nitróxeno (NO2) ou o dióxido de xofre (SO2).
Non se inclúen as emisións de GEI do transporte aéreo e marítimo internacional nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa (incluídas as dos incendios forestais), por non formaren parte das recollidas no inventario oficial.
Fontes
Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto invernadoiro (Serie 1990-2023). Ministerio para a Transición Ecolóxica.