Electrificación da economía

A electrificación da economía mídese pola porcentaxe do consumo de electricidade sobre o consumo total de enerxía final.

Un 70% das emisións territoriais galegas de gases de invernadoiro proceden da transformación e o consumo de enerxía. Polo tanto, a redución da demanda de combustíbeis fósiles é chave na mitigación da crise climática desde o noso país.

Existe un acordo xeral verbo da necesidade de acompañar o crecemento da xeración eléctrica renovábel cunha maior electrificación da economía, nomeadamente da demanda de calor e do transporte. Deste xeito favorecerase a desfosilización do sistema enerxético e a diminución das emisións de gases de invernadoiro

Mesmo nun contexto no que se reducir o consumo total de enerxía, requírese un aumento da produción e consumo de electricidade renovábel para avanzar na descarbonización.

En Galicia a xeración de electricidade renovábel aumentou nos últimos anos mais a electrificación da economía estancouse arredor dunha cuarta parte do consumo de enerxía final, baixando uns tres puntos en 2022 e 2023. Nesta caída foron decisivas a redución do consumo na industria (en boa medida pola paralización parcial de Alcoa San Cibrao) e a lenta progresión da electrificación, particularmente no transporte.

A Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta non formula ningún obxectivo de electrificación da economía, mentres que o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2023-2030) propón un 35% para o conxunto do Estado español. No informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, o OGACLI e Greenpeace avogan por un 50% para 2030. 

A electrificación é moi desigual por sectores. Mentres é nula ou residual no transporte e no sector primario (e construción e minas), pode chegar a acadar o 66% no sector servizos. Na industria e nos fogares sitúase entre o 35 e o 40%.

(Actualización: maio de 2025).

Unidade

Porcentaxe do consumo de electricidade sobre o consumo de enerxía final (%).

Fontes

Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.

Obxectivo Electrificación da economía española. Base de datos do Observatorio da Transición Enerxética e a Acción Climática (OTEA).

Datos sobre o consumo de enerxía final en Galicia por sectores (2016-2021). Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.