A electricidade é unha das formas de enerxía final que pode ser directamente usada polos consumidores, xunto coa calor e os combustíbeis.
Segundo o Balance Enerxético de Galicia, a electricidade supón o 21,8% da enerxía dispoñíbel no noso país para o consumo (2022).
Produción
A produción eléctrica presenta unha certa variabilidade anual, determinada sobre todo polas renovábeis, e dentro destas polos encoros, cuxa produción depende da pluviosidade. Con todo, observouse unha tendencia clara ao descenso da produción na década de 2010 que prosegue no inicio da actual.
Nos últimos seis anos (2019-2024) a xeración eléctrica minguou notabelmente, ficando por debaixo dos 25.000 xigavatios hora (GWh).
A causa principal desta caída foi o colapso do carbón na xeración eléctrica, inducido polo aumento do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. A queda e cesamento da produción das centrais de carbón foi compensada parcialmente polas centrais de ciclo combinado a gas fósil (Sabón e As Pontes).
Ao se apagar a central de carbón das Pontes en outubro de 2023 o carbón desapareceu definitivamente do mix eléctrico galego.
A diminución da xeración eléctrica non renovábel, e por extensión da total, posibilitou que a porcentaxe da xeración renovábel sobre a total medrase do 55 ao 83% entre 2018 e 2024, malia o cativo crecemento da potencia das renovábeis eléctricas.
A desfosilización da xeración eléctrica, xunto co aumento da electrificación da economía, é fundamental para a descarbonización. Un sistema eléctrico galego 100% renovábel parece factíbel en 2030, mais o obxectivo da Xunta recollido na Axenda enerxética de Galicia 2030 non vai alén do 84,8% (incluíndo “residuos renovábeis”), obxectivo practicamente acadado no ano 2024.
Capacidade de produción
Entre 2000 e 2009, a potencia eléctrica instalada na nosa terra creceu un 70%, debido ao desenvolvemento eólico e á construción das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón e As Pontes.
Entre 2010 e 2023 a potencia eléctrica apenas medrou, estancándose nuns 11.000 megavatios (MW). O peche da central de carbón das Pontes (1.403 MW) fixo que descendese a 9.700 MW no primeiro cuadrimestre de 2024.
Desde 2010 substituíuse potencia non renovábel por renovábel. A renovábel aumentou uns 1.200 MW, sendo maiormente eólica e hidráulica. A non renovábel baixou 2.419 MW, principalmente polo peche das centrais de fuel óleo de Sabón (2011) e de carbón de Meirama (2020) e As Pontes (2023).
A de orixe renovábel representa un 81% da potencia instalada (abril de 2024).
Demanda interna e exportación
A demanda galega de electricidade situouse arredor dos 20.000 GWh en 2011-2018 para caer até uns 17.500 en 2020 e 2021, baixo a influencia da COVID-19 e dos elevados prezos da electricidade. En 2022-2024 descendeu por debaixo dos 14.000 GWh, debido principalmente ao cesamento temporal da produción da fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao (A Mariña).
A redución da demanda e a ausencia de seca posibilitaron que en 2020 e 2021 a xeración renovábel superase un pouco a demanda eléctrica no balanzo anual, malia o cativo incremento da potencia renovábel. O mesmo aconteceu en 2022, a pesar da redución da produción hidroléctrica, e grazas á baixada da demanda.
O mantemento en niveis baixos da demanda eléctrica en 2023 e 2024, xunto coa recuperación da produción hidroeléctrica, moi alta en 2024, fixeron que a xeración renovábel, no cómputo anual, excedese amplamente a demanda eléctrica nos dous últimos anos.
O sucedido a partir de 2020 non acontecía desde a década de 1970, en que a produción hidroeléctrica (a única de orixe renovábel daquela) aínda adoitaba superar a demanda interna.
Que en 2020-2024 a xeración renovábel superase a demanda non significa que Galicia fose autosuficiente con renovábeis todas as horas, días e meses deses anos. Para que iso tivese sido posíbel precisaríase maior capacidade de almacenamento (centrais hidroeléctricas de bombeo, baterías, hidróxeno verde…).
Galicia importa e exporta electricidade, aínda que o saldo anual de intercambios é claramente exportador cara a Portugal e ao resto do Estado español.
O saldo exportador tendeu a diminuír por causa do declive do carbón, tanto en termos absolutos como relativos. En 2019-2021 ascendeu a uns 6.000-7.000 GWh, representando o 24-28% da xeración total.
Esta tendencia inverteuse a partir de 2022 pola forte redución da demanda interna, situándose nos últimos anos o saldo exportador en 8.000-10.500 GWh, o 35-45% da xeración total.
Consumo final por sectores
A industria é a maior consumidora de electricidade en Galicia, acaparando o 53% do consumo final (2016, último ano con datos accesíbeis publicamente), sobranceando a demanda da siderurxia e fundición e máis da metalurxia non férrea.
A metalurxia non férrea supera por si soa o consumo do sector doméstico, o maior consumidor logo do industrial. Industria, fogares e servizos (hostalaría, comercio, servizos, administracións) representan conxuntamente o 96% do consumo eléctrico.
O transporte multiplicou por seis o seu consumo entre 2005 e 2016 mais supón tan só o 1,4% do total.
(Actualización: abril de 2025).
Unidades
Porcentaxe da xeración renovábel sobre a xeración total (%).
Potencia: MW (1.000 kW).
Produción: GWh (1.000 MWh, 1.000.000 kWh).
Notas
Nas fontes de xeración renovábel non se inclúen os chamados “residuos renovábeis” (residuos orgánicos), si contabilizados como tal nas estatísticas oficiais. Pola contra, si se inclúe a biomasa, malia ser contaminante e pouco eficiente na xeración de electricidade.
A demanda de electricidade refírese á demanda en “barras de central (bc)”, isto é, descontado o consumo nas propias centrais eléctricas e sen descontar as perdas no transporte e a distribución. Non inclúe o consumo en bombeo hidráulico.
Na produción eléctrica solar non se inclúe o autoconsumo.
Fontes
Red Data de Rede Eléctrica de España (REE).
Evolución da potencia eléctrica e térmica. Consumo de electricidade por sectores. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.