O aumento da participación das enerxías renovábeis no consumo de enerxía debe lograrse por dúas vías complementarias:
1) O desenvolvemento das renovábeis eléctricas e térmicas.
2) A redución, en termos absolutos, da demanda de enerxía primaria e final.
Para o cálculo dos obxectivos de penetración das enerxías renovábeis no consumo de enerxía final formulados a nivel institucional séguese a metodoloxía definida na lexislación europea, que ten variado ao longo do tempo. Polo tanto, os datos aquí presentados non coinciden exactamente cos recollidos nos indicadores relativos á electricidade ou á enerxía final.
A cota de renovábeis no consumo de enerxía final bruto aumentou máis de 11 puntos entre 2005 e 2010, chegando ao 35%. Até 2019 ficou estabilizada na franxa do 35-40%, para saltar ao 46,2% en 2020, a cifra máxima acadada até agora. Despois de baixar e subir de novo, en 2023 situouse no 47,7%.
A Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta establece como obxectivo atinxir o 58%. Iso suporía un aumento duns 10 puntos con respecto a 2023. Un obxectivo máis en liña co Acordo de París estimamos que sería o 65-70%.
Se no cálculo só se tivesen en conta as renovábeis libres de emisións nos puntos de xeración e consumo, a cota descendería significativamente. Por exemplo, se se desconta a enerxía achegada pola biomasa, os biocarburantes e os residuos renovábeis (orgánicos), a cota tería baixado até o 25% en 2019.
As emisións causantes de cambio climático de biomasa, biocarburantes e residuos orgánicos non se inclúen no inventario oficial de emisións de gases de efecto invernadoiro, por se considerar que o balance entre emisións e absorcións de carbono asociadas ao seu uso é neutro. Porén, no contexto da emerxencia climática, que obriga a reducir aceleradamente as emisións e a potenciar as absorcións, o ideal sería non queimar e extraer biomasa para usos enerxéticos, ou limitala fortemente, substituíndoa polo aforro e por outras renovábeis libres de emisións.
(Actualización: setembro de 2025).
Unidade
Porcentaxe do consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovábeis (%)
Fonte
Obxectivos anos 2030. Páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.