As emisións de GEI non se reducen polo plan climático da Xunta

As emisións brutas galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático baixaron o 10,1% en 2019-2022. Foron chaves para iso o colapso do carbón e a crise da industria metalúrxica. O plan de enerxía e clima 2019-2022 da Xunta pouco contribuíu, como se pode deducir da súa propia avaliación.

O Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023 para o desenvolvemento e implantación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, publicado este ano pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, carece dunha estimación do aforro de emisións conseguido polas medidas de mitigación (redución de emisións) executadas no primeiro PRIEC.

O informe divulgado afirma que se executaron o 81% das medidas incluídas no PRIEC 2019-2023, sen concretar a porcentaxe por áreas (mitigación, adaptación, investigación e dimensión social) nin sinalar todas as medidas executadas ou non.

Só se salientan algunhas das medidas executadas, pola contía dos investimentos realizados. No que atinxe á mitigación, as “medidas resaltables” teñen a ver co fomento do transporte colectivo, como a construción de estacións intermodais, coa mellora da capacidade de absorción de emisións do sector forestal, como as axudas para plantacións forestais e accións de silvicultura e máis coa implantación da “cultura da eficiencia enerxética”, como a rehabilitación enerxética no sector residencial.

O informe feito público si indica que o bloque de mitigación recibiu en total 741.604.154 euros do total de 1.139.148.301 investidos, correspondendo ao 60% do investimento realizado.

O total executado en accións de mitigación coincide practicamente co total orzamentado, en contraste con outros capítulos, nos que o grao de execución foi ben menor.

O informe de execución do PRIEC 2019-2023 fai unha breve análise da evolución das emisións territoriais brutas e netas de gases de invernadoiro en Galicia entre 2019 e 2022, ano máis recente con información dispoñíbel.

Porén, non é posíbel contrastar a evolución real das emisións cos obxectivos do PRIEC 2019-2023, pois este non explicitou ningún obxectivo de redución de emisións.

A EGCCE publicada en 2019 pretendía reducir as emisións brutas nun 24,6% para 2030 e nun 81,3% para 2050, sempre con respecto a 1990. Non formulou un obxectivo de redución intermedio para 2025.

Proba da escasa ambición inicial da estratexia climática galega e do tremendo impacto positivo da caída na produción eléctrica con carbón rexistrada entre 2018 e 2019 é que no mesmo ano de lanzamento da versión inicial da estratexia xa se acadou o seu obxectivo para 2030. Dez anos antes do pretendido!!!.

As emisións brutas de GEI, isto é, as emisións sen descontar as absorcións de CO2 polos bosques e plantacións forestais, baixaron o 10,1% en 2022 en comparación con 2019, inicio do período de aplicación do primeiro PRIEC. En termos absolutos, o descenso atinxiu uns 2,2 millóns de toneladas.

Fonte: Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O desglose por sectores principais desta baixada, que o informe de execución da Xunta indica só para 1990-2022, revela as causas fundamentais do descenso de emisións de gases causantes de cambio climático entre 2019 e 2022 e o escaso impacto do PRIEC 2019-2022 nesa redución. 

O descenso das emisións concentrouse nas industrias do sector enerxético, concretamente nas centrais térmicas de carbón, así como na industria non enerxética, sobre todo no sector metalúrxico (aluminio, ferroaleacións,…), intensivo no consumo de enerxía e tamén con importantes emisións non asociadas ao uso de enerxía.

Esta diminución obsérvase claramente por sectores e instalacións industriais nos datos relativos ao comercio europeo de emisións de CO2.

As políticas autonómicas non explican as baixadas nas emisións industriais, debidas a decisións de ámbito europeo (centrais de carbón) e a circunstancias de mercado.

A Xunta, ao igual que outras institucións do país e co apoio de partidos políticos da oposición, mesmo tentou atrasar o declive e peche das centrais de carbón galegas. Porén, agora gábase de liderar a redución das emisións de GEI entre as comunidades autónomas, xunto con outras nas que a produción eléctrica con carbón tamén dominou as emisións de GEI até o seu ocaso (Castela e León, Asturias, Aragón).

Fonte: Informe de Execución do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC) 2019-2023. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Nos sectores nos que se aplicaron as medidas de mitigación do PRIEC 2019-2023 salientadas pola Xunta as emisións subiron ou baixaron moito menos que na industria.

Polo tanto, semella claro que o impacto do PRIEC 2019-2023 na diminución das emisións brutas de GEI en Galicia durante os últimos anos foi máis ben pequeno. A pesar diso, o discurso público da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático tenta ligar fortemente ambos os dous feitos, ocultando os factores máis decisivos no recorte das emisións rexistrado nos últimos anos.

Deixar un comentario