As emisións de gases causantes de cambio climático das 40 industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) diminuíron o 23,5% en 2023 con respecto ao ano anterior.
As emisións industriais suxeitas ao comercio europeo de emisións ascenderon a 4,6 millóns de toneladas en 2023, a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio de emisións en 2005.
As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o enerxético.
As centrais térmicas de gas natural e carbón e a refinaría de petróleo foron responsábeis conxuntamente de case o 70% das emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante 2023.
Menos emisións das centrais térmicas e da industria metalúrxica
O descenso das emisións industriais de gases causantes de cambio climático en 2023 concentrouse nas centrais térmicas (-22,1%), nas instalacións de combustión e nas centrais de coxeración de diversos sectores industriais (-42,5%) e máis na produción de aluminio (-34,9%) e de aceiro e ferroaleacións (-39,7%).
| Sectores | 2022 | 2023 | Variación (t CO2eq) | Variación (%) |
| Centrais térmicas | 2.855.366 | 2.223.999 | -631.367 | -22,1% |
| Combustión-coxeración | 704.872 | 405.180 | -299.692 | -42,5% |
| Refino de petróleo | 995.764 | 918.798 | -76.966 | -7,7% |
| Produción de hidróxeno fósil | 195.051 | 186.228 | -8.823 | -4,5% |
| Aceiro e ferroaleacións | 277.670 | 167.527 | -110.143 | -39,7% |
| Aluminio | 611.390 | 398.036 | -213.354 | -34,9% |
| Cemento e magnesita | 180.892 | 128.590 | -52.302 | -28,9% |
| Pasta de papel | 47.580 | 77.663 | 30.083 | 63,2% |
| Produtos químicos orgánicos | 115.211 | 72.820 | -42.391 | -36,8% |
| TOTAL | 5.983.796 | 4.578.841 | -1.404.955 | -23,5% |
As razóns da forte diminución das emisións industriais en 2023 apuntan máis a factores conxunturais que a avances na descarbonización resultado de mudanzas estruturais.
A baixada da xeración eléctrica nas centrais térmicas polo aumento da produción hidroeléctrica despois dun ano seco, a parada temporal da planta de aluminio e a menor actividade da planta de alúmina en Alcoa San Cibrao, o descenso na produción de ferroaleacións e a caída na utilización nas centrais de coxeración de fuel das madeireiras Finsa e Intasa e da conserveira Jealsa son as causas principais do recorte das emisións industriais durante o pasado ano.
O peche definitivo da central de carbón das Pontes en outubro foi o único progreso destacado na transición enerxética en Galicia durante 2023, dado o cativo aumento da potencia renovábel e a ausencia de plans para a redución progresiva da produción de derivados de petróleo na refinaría da Coruña ou para a substitución das centrais de coxeración fósiles.
Refinaría de petróleo e central de gas das Pontes lideraron as emisións
As dez maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente do 90% das emisións industriais afectadas polo RCDE.
Encabezan a lista de grandes emisores catro industrias enerxéticas: a refinaría de petróleo da Coruña, a central de cico combinado (gas fósil) das Pontes, a central de carbón das Pontes e a central de ciclo combinado (gas fósil) de Sabón (Arteixo) (3).
| Industria | Emisións (t CO2 eq) |
| Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) | 918.798 |
| Central de gas fósil das Pontes (Endesa) | 893.676 |
| Central de carbón das Pontes (Endesa) | 731.376 |
| Central de gas fósil de Sabón (Naturgy) | 598.947 |
| Planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa) | 382.719 |
| Planta de produción de hidróxeno de Meicende (Air liquide) | 186.228 |
| Fábrica de bioetanol de Teixeiro (Vertex Bioenergy) | 143.422 |
| Magnesitas de Rubián | 113.379 |
| Industrias del Tablero, S.A. (Intasa) (San Sadurniño) | 79.828 |
| Ence Pontevedra | 77.663 |
Máis información:
Emisións de todas as industrias galegas obrigadas a participar no RCDE na Fase 4 (2021-2025).