Transición xusta

Que a transición enerxética sexa socialmente xusta semella un obxectivo amplamente partillado. Porén, tamén nesta cuestión, existen visións diversas sobre o que se entende por xustiza social.

Presentamos catro dos indicadores que consideramos relevantes para facer o seguimento do que, ao noso xuízo, debería ser unha transición xusta: rapidez, autoconsumo, pobreza enerxética e sobreconsumo.

Rapidez

Unha transición enerxética lenta será inxusta co Sur global, coa mocidade e coas xeracións futuras, que pouco ou nada contribuíron á crise climática mais que son e/ou serán as súas vítimas principais. Polo tanto, non hai transición enerxética xusta se non é rápida, pois só así será posíbel reducirmos a tempo as emisións de gases de invernadoiro de forma a evitarmos os peores escenarios da crise climática.

O uso de enerxía primaria polo conxunto da economía determina as emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. As emisións por habitante de Galicia superan a media mundial e española e achéganse á media da UE.

A demanda de enerxía primaria en Galicia atinxiu o pico en 2007. Entre 2018 e 2020 o uso de enerxía primaria fósil caeu polo colapso do carbón na xeración eléctrica e a COVID 19, mais repuntou algo en 2021-2022. Canto ao uso de enerxías renovábeis, está a medrar pouco desde comezos da década de 2010.

Considerando o anterior, así como os obxectivos actuais relativos ao uso de enerxía primaria, desenvolvemento renovábel e redución de emisións de gases de invernadoiro, a transición enerxética en Galicia non está a ser o rápida que esixe a xustiza climática global e entre xeracións.

Autoconsumo

A transición cara a un modelo 100% renovábel debería favorecer a democratización da produción enerxética, hoxe dominada por un reducido grupo de grandes multinacionais privadas.

No que atinxe á electricidade, a autoprodución para o consumo de fogares e empresas mediante paneis solares fotovoltaicos e a enerxía minieólica, (aeroxeradores de potencia igual ou inferior a 100 kW), é un bo indicador da medida en que a produción eléctrica está a ser apropiada pola cidadanía. Outra modalidade de autoconsumo son  os chamados parques eólicos singulares, pequenos parques de menos de 3 megavatios (MW) en mans de concellos ou empresas.

A produción eléctrica a pequena escala é insuficiente para atender o consumo actual, concentrado nas áreas industriais e urbanas (e do chamado “rural urbanizado”). Máis aínda se se avanzar na electrificación da economía. Non obstante, o potencial da autoprodución eléctrica foi até hoxe moi pouco aproveitado.

A potencia instalada en minieólica é moi cativa e apenas medra desde 2013. Ascende a tan só 0,8 MW. Unha potencia moi inferior á potencia media dun só dos aeroxeradores instalados en 2019 (3,1 MW) nos grandes parques eólicos.

A potencia dos parques eólicos singulares ficou estancada en 40 MW desde 2013. Unha cifra só algo superior á potencia media dun só dos parques eólicos en funcionamento en marzo de 2024 (24,5 MW).

O autoconsumo solar fotovoltaico está a despegar nos últimos anos, favorecido por novas políticas públicas e por unha baixada dos custos. Desde 2018, a potencia instalada en autoconsumo supera a moi reducida da solar fotovoltaica orientada a verter toda a súa produción á rede eléctrica (20,1 MW en 2022).

En 2022 o autoconsumo fotovoltaico atinxiu os 116,5 MW, potencia equivalente á de só uns cinco parques eólicos, sendo menor aínda a equivalencia se temos en conta a produción, pois en Galicia a produción eólica media por MW é ben maior que a solar.

O potencial realizábel de autoconsumo fotovoltaico  estimado para Galicia na “Folla de ruta do autoconsumo” do Ministerio para a Transición Ecolóxica é de 178 MW para 2030, o que resulta ben pouco ambicioso.

Canto ao autoconsumo solar térmico, destinado ao quentamento de auga, desénvolvese lentamente desde 2014, despois dun curto período de forte crecemento.

Unha forma de promover o autoconsumo renovábel é a través da figura das comunidades enerxéticas con participación cidadá, de pemes ou de entidades locais. Segundo o visor de comunidades enerxéticas do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), a 26 de abril de 2024 tan só había tres constituídas en Galicia.

Pobreza enerxética

A pobreza enerxética defínese como a incapacidade para satisfacer unha cantidade mínima de servizos enerxéticos esenciais para un benestar adecuado. Non inclúe os gastos de transporte senón só os vencellados ao uso das vivendas.

En países desenvolvidos como Galicia a pobreza enerxética non é un problema de acceso á enerxía senón un problema para a pagar. Afecta unha parte minoritaria pero significativa da poboación. Algúns fogares poden encontrarse en situación de pobreza enerxética mesmo sen estaren en pobreza monetaria.

Os indicadores empregados na Estratexia estatal contra a pobreza enerxética 2019-2024 do Ministerio para a Transición Ecolóxica son:

Gasto desproporcionado: porcentaxe de fogares cuxa participación do gasto enerxético nos ingresos é máis do dobre da mediana española. 

Pobreza enerxética agochada: porcentaxe dos fogares cuxo gasto enerxético é inferior á metade  da mediana española. Nalgúns casos pode estar asociado non a limitacións senón a unha maior eficiencia.

Porcentaxe da poboación que  declara a súa imposibilidade de manter unha temperatura adecuada na vivenda en inverno.

Porcentaxe da poboación que declara atrasos no pagamento das facturas da súa vivienda.  

A pobreza enerxética agochada tende a descender mais está a medrar a poboación afectada polo atraso no pagamento de facturas e a temperatura inadecuada en inverno, especialmente esta última, continuando a tendencia negativa observada desde 2018. O indicador de gasto desproporcionado medrou en 2021 logo de baixar no ano anterior.

Sobreconsumo enerxético

A desigualdade enerxética maniféstase no seo da nosa sociedade, entre clases sociais e territorios. Tamén hai desigualdade no ámbito estatal e europeo, entre comunidades autónomas e países. Pero a maior desigualdade prodúcese a escala global. Galicia, parte do mundo desenvolvido, consome recursos enerxéticos ben por riba da media mundial.

No contexto actual de dependencia fósil, o noso sobreconsumo acapara combustíbeis fósiles e agranda a débeda de carbono co Sur global, por causa das excesivas emisións de gases causantes de cambio climático. Se o sobreconsumo fose 100% renovábel, acapararía minerais necesarios para o desenvolvemento renovábel e a electrificación, así como biomasa para biocombustíbeis, en moita maior medida do que xa acontece hoxe.

O logro da sustentabilidade ecolóxica global con xustiza social esixe unha forte redución do consumo enerxético de países enriquecidos como Galicia.

O consumo galego de enerxía primaria por habitante atinxiu o pico en 2008 e amosa unha tendencia ao descenso desde entón. En 2022 ascendeu a 2,64 toneladas equivalentes de petróleo (tep).

Pola contra, o consumo por habitante a escala mundial tende a medrar lixeiramente, agás en momentos de grandes crises económicas globais, aproximándose ao galego, que mesmo así aínda é un 50% maior (2022).

(Actualización: abril de 2024).

Unidades

Tonelada equivalente de petróleo (tep): enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.

Potencia eléctrica: MW (1.000 kW).

Superficie: m2

Porcentaxe da poboación e dos fogares (%).

Notas

Para os indicadores obxectivos de pobreza enerxética (gasto desproporcionado, pobreza enerxética agochada) preséntanse os valores dos indicadores adaptados, medidos respecto á media das medianas dos últimos 5 anos, que presenta un enfoque máis estrutural, eliminando as distorsións asociadas a un ano concreto.

No apartado sobre a rapidez da transición enerxética galega considérase toda a enerxía primaria usada en territorio galego, mentres que no referido ao sobreconsumo tense en conta só o consumo interno de enerxía primaria, descontadas as exportacións.

Fontes

Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

Evolución da enerxía en Galicia. Obxectivos ano 2030. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.

“Actualización de indicadores de la Estrategia Nacional contra la Pobreza Energética. Diciembre de 2022”. Páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Energy production and consumption. Our world in data.