Renovábeis térmicas

O consumo de calor renovábel está dominado pola combustión de biomasa.

A queima de biomasa para obter enerxía xera emisións de dióxido de carbono (contabilizadas “fóra do inventario oficial de emisións de gases de efecto invernadoiro”) e de contaminantes atmosféricos. Alén diso, compite con usos alternativos da biomasa que poden ter maior sentido ecolóxico, como a compostaxe. 

Os usos térmicos representan o 37% do consumo galego de enerxía final (2022). O decrecemento do consumo, o desenvolvemento das renovábeis térmicas (preferentemente das non emisoras) e a electrificación baseada en fontes renovábeis son as vías principais para a súa descarbonización.

O consumo das renovábeis térmicas aumentou lentamente nos últimos anos. Salienta o incremento da achega das bombas de calor, con taxas anuais de crecemento de arredor do 10% en 2017-2022.

A potencia ou capacidade de produción está dominada tamén pola biomasa. A suma da solar térmica, a xeotermia e as bombas de calor representa tan só un 15% do total da potencia renovábel térmica.

Nos últimos anos (2017-2022) obsérvanse dúas etapas no crecemento anual da potencia térmica renovábel. En 2017-2020 a potencia medrou uns 110-125 MWt anuais, para aproximarse e superar os 200 MWt nos dous últimos anos.

O incremento da potencia segue a ser protagonizado pola biomasa, seguida polas  bombas de calor.

(Actualización: abril de 2024).

Unidades

Porcentaxe da solar térmica, a xeotermia e as bombas de calor sobre o total da potencia térmica renovábel (%).

Tonelada equivalente de petróleo (tep): enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.

Potencia: MWt (1.000 kWt).

Nota

Na produción das renovábeis térmicas non se inclúe a calor recuperada en centrais de coxeración que empregan biomasa. 

Fontes

Evolución da enerxía en Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.