Renovábeis eléctricas

A produción eléctrica renovábel galega está dominada polas enerxías hidroeléctrica e eólica.

A hidroeléctrica presenta unha importante variabilidade, determinada pola pluviosidade. En anos secos, como por exemplo 2017 e 2022, a súa achega diminúe bastante.

A eólica experimentou un forte crecemento desde finais da década de 1990, impulsando o aumento do total da produción renovábel. Porén, pasou de medrar a unha taxa anual do 18,5% na década 2001-2010 a tan só o 3% en 2011-2020.

A achega da produción solar fotovoltaica aínda é moi pequena. A porcentaxe conxunta da produción eólica e solar sobre a produción total de electricidade considérase un indicador de referencia do novo desenvolvemento renovábel. Isto é así polo carácter máis convencional da produción hidroeléctrica, con moitas décadas de historia, así como polo contaminante e pouco eficiente que resulta a queima de biomasa para obter electricidade. 

A porcentaxe da electricidade de orixe solar e eólica atinxiu o 38,1% en 2024, o que nos sitúa polo de agora entre os países do mundo con cifras máis elevadas.

A respecto da relativamente elevada porcentaxe de electricidade eólica e solar, cómpre termos en conta dous feitos:

1) é atribuíbel ao desenvolvemento eólico e moi pouco ao solar, baseado até agora no autoconsumo.

2) o salto desde menos do 30% a arredor do 40% rexistrado entre 2018 e 2024 foi causado principalmente polo descenso da produción total de electricidade e non polo crecemento da produción eólica e solar.

Canto á capacidade de produción instalada, a porcentaxe que supón a potencia eólica máis a solar, logo dun período de forte crecemento até finais da primeira década do século, ficou estancada arredor do 30% até 2018, saltando até ao 43,6% en 2024.

O incremento do peso da potencia eólica e solar na potencia total entre 2018 e 2024 foi debido tanto a un aumento da suma da potencia eólica e solar (+778 MW) como, sobre todo, a unha diminución da potencia non renovábel (-2.116 MW), provocada fundamentalmente polo peche das centrais de carbón de Meirama (2020) e As Pontes (2023).

Dos 3.746 MW de potencia hidroeléctrica existente, só 432 MW son de bombeo, cunha capacidade de almacenamento de 10.000 MWh por día.

O almacenamento de electricidade é esencial para construír un sistema eléctrico 100% renovábel con garantía de subministración. O bombeo de auga desde un encoro a un depósito situado a unha altura superior, cando hai un exceso de xeración renovábel, é hoxe o principal método de almacenamento de electricidade. 

O crecemento  da potencia renovábel ten sido moi desigual ao longo dos últimos vinte anos.

Até 2007 a potencia acrecentouse anualmente entre 300 e 550 MW, debido maiormente á nova potencia eólica. A partir de 2008  a incorporación de nova potencia desacelerouse moi notabelmente. Só en 2012 e 2019 o incremento de potencia superou os 200 MW.

A eólica achegou a maioría do incremento da potencia renovábel rexistrado desde 2008, con 810 MW, seguida pola hidroeléctrica, que se incrementou en 400 MW, salientando a ampliación de centrais xa existentes na bacía Miño-Sil.

A solar fotovoltaica concentrou nos últimos cinco anos, grazas ao despegue do autoconsumo, a maior parte do seu crecemento, sumando 287 MW.

Case todo o incremento da potencia da biomasa, 52 MW, é atribuíbel á posta en marcha dunha central de biomasa forestal en Curtis en 2020.

O aumento tanto da produción como do consumo de electricidade renovábel, a través dunha maior electrificación da economía, é esencial para lograrmos reducións ambiciosas de gases causantes de cambio climático.

No informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles de Greenpeace e o OGACLI proponse un obxectivo de 15.700 MW de potencia renovábel e 0 MW de potencia fósil para 2030, coa finalidade de posibilitar unha electrificación dun 50% baseada en electricidade 100% renovábel.

(Actualización: setembro de 2025).

Unidades

Porcentaxe da produción e da potencia solar e eólica sobre os respectivos totais (%).

Potencia: MW (1.000 kW).

Produción: GWh (1.000 MWh, 1.000.000 kWh).

Notas

Os datos sobre a produción eléctrica recollidos nesta páxina difiren un pouco dos recollidos no indicador Electricidade. A razón é que a fonte utilizada nesta páxina é o INEGA mentres na do indicador Electricidade os datos proceden de Rede Eléctrica. A principal diferenza entre ambas fontes é que Rede Eléctrica non recolle a produción do autoconsumo solar fotovoltaico.

Fontes

Evolución da enerxía en Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.