Nunha ollada

As emisións territoriais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático  ascenden en Galicia a  19.461.143 toneladas (2022) . Isto supón unha redución do  33 % en relación a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas, e do 45,7% en comparación con 2005.

A pretensión da Xunta é lograr unha diminución do 55% en 2030, con respecto a 1990, aínda que se trata dun obxectivo pouco críbel, pois non se plasmou aínda nunha actualización da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, cuxo obxectivo é de tan só un 25%. Máis en liña coa meta de non superar os 1,5 graos de quecemento global estaría un obxectivo de redución de polo menos o 65%.

As emisións totais de GEI en Galicia atinxiron un teito en 2001-2007. A crise económica e un ano excelente para a xeración renovábel (2010) levaron a unha queda das emisións en 2008-2010. Despois houbo unha repunta, para se manteren en niveis similares aos de 1990 en 2011-2018. O colapso na xeración eléctrica con carbón e a COVID-19 fixeron caer abruptamente as emisións en 2019-2020. En 2021 e 2022 volveron subir, aínda que se manteñen ben por debaixo do nivel de 2019.

A evolución das emisións de GEI por sectores ten sido desigual. Mentres aumentaron notabelmente as asociadas ao consumo de enerxía fósil no transporte e noutros sectores (primario, fogares, servizos, administracións), así como as da produción agrogandeira non asociadas ao uso de enerxía fósil, diminuíron as industriais e do tratamento de residuos e, nomeadamente, as do sector enerxético (centrais térmicas, refinaría,…), responsábel do groso da baixada das emisións totais entre 1990 e 2022.

O uso de enerxía primaria, o seu volume total e o reparto por fontes, é determinante na evolución das emisións de GEI. Neste sentido, cómpre suliñar que o 72,7% das emisións territoriais galegas proceden da transformación e o consumo de enerxía fósil (2022)

A elevación da ambición climática en Galicia require de obxectivos maiores en materia de recorte da demanda enerxética e de desenvolvemento das renovábeis eléctricas e térmicas. Tamén cómpre planificar o peche da aínda potente industria enerxética fósil.

O petróleo é o recurso enerxético máis usado en Galicia, o que se debe tanto á actividade da refinaría de Repsol na Coruña, orientada en boa medida á exportación, como ao noso elevado consumo interno de produtos petrolíferos. A refinaría é a maior industria do sector enerxético fósil e, por extensión, de todo o sector enerxético galego.

O carbón, que até 2018 foi a segunda fonte de enerxía máis usada, desapareceu do mix enerxético do noso país en outubro de 2023, ao pechar a central térmica de carbón das Pontes.

En 2019, o gas fósil pasou a ser a segunda fonte de enerxía (se consideramos as enerxías renovábeis por separado), substituíndo parcialmente o carbón na xeración eléctrica.

Unhas tres cuartas partes da enerxía primaria usada pola nosa economía adoita ser de orixe fósil, aínda que en 2022, un ano seco, foi de case o 80%. Dado que todos os recursos enerxético fósiles proceden do estranxeiro, iso implica unha forte dependencia enerxética externa.

A enerxía primaria é transformada polo sector enerxético galego en enerxía dispoñíbel para o consumo final (combustíbeis, electricidade, calor). Unha parte consómese en Galicia e outra é exportada.

O consumo galego de enerxía final atinxiu o pico a finais da primeira década do presente século. E en 2013-2019 estabilizouse nuns 6 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep).

Após caer en 2020, por causa do decrecemento económico inducido pola COVID-19, o consumo de enerxía final medrou en 2021 para volver baixar en 2022, situándose en 5,4 millóns de tep.

O consumo galego de enerxía final, acaparado nunhas tres cuartas partes polo transporte e os sectores produtivos, é atendido sobre todo por combustíbeis fósiles.

Desde a década pasada obsérvase unha tendencia xeral a un descenso suave do emprego directo de combustíbeis fósiles, tanto en usos térmicos como en “outros usos” (transporte, sector primario, minas, construción). A que o descenso estea a ser lento e con altos e baixos contribúen o insuficiente crecemento das renovábeis térmicas e o estancamento da electrificación da economía.

Ademais de considerarmos os usos directos, cómpre non esquecermos que, de combustíbeis fósiles (produtos petrolíferos e gas fósil), provén a calor recuperada nas centrais de coxeración de diversas industrias, cuxa achega ao consumo de enerxía final ficou bastante estábel en 2005-2019, baixando nos últimos anos.

As centrais de coxeración, alén de calor, tamén subministran unha parte da electricidade consumida no noso país. En 2019-2022 o consumo eléctrico caeu por debaixo dos 1,5 millóns de tep, o que non é un dato positivo na medida en que se debe á falta de avances na electrificación da economía, chave para a descarbonización.

Para avaliaren en que medida as enerxías renovábeis poderían cubrir o consumo de enerxía final dun territorio, as institucións utilizan unha metodoloxía establecida na lexislación europea, que define o cálculo dunha cota de renovábeis.

A cota de renovábeis no consumo de enerxía final saltou en Galicia ao 46,2% en 2020, debido en grande medida á redución do consumo total de enerxía por causa da COVID-19, despois de se ter estabilizado na franxa do 35-40% en 2010-2019. Actualmente é o 44,7%. O obxectivo da Xunta para 2030 é chegar ao 58%.

A electricidade só representa aproximadamente unha cuarta parte da enerxía final, tanto da producida como da consumida na nosa terra. Porén, adoita monopolizar o debate sobre a cuestión enerxética.

Malia a desaceleración na expansión das renovábeis eléctricas durante a pasada década, a porcentaxe da produción eléctrica  de orixe renovábel (sen incluír os residuos) saltou dun 40% en 2017 (ano marcado pola seca) a un 75% en 2020-2021, principalmente pola caída da produción derivada do colapso da xeración con carbón. En 2022 baixou ao 64% debido á seca, para volver a un 75% en 2023 ao se recuperar a produción hidroeléctrica.

Semella factíbel atinxirmos unha produción eléctrica galega 100% renovábel en 2030, mais o obxectivo da Xunta non vai alén do 84,8% (incluíndo residuos) e non planificou o peche das centrais fósiles (ciclos combinados, centrais de coxeración). Un 20% da capacidade de produción eléctrica instalada en Galicia aínda é fósil.

A redución da demanda posibilitou que nos últimos tres anos, por primeira vez en décadas, a xeración renovábel superase a demanda eléctrica galega no cómputo anual. Isto non significa que Galicia fose autosuficiente con renovábeis durante todas as horas, días e meses deses anos. Para iso, tería sido necesaria unha capacidade de almacenamento (baterías, centrais hidroeléctricas de bombeo,…) maior.

Galicia importa e exporta electricidade, aínda que o saldo anual de intercambios é claramente exportador cara ao resto da Península Ibérica (non só co resto do Estado español senón tamén con Portugal).

Mais Galicia non só exporta electricidade senón tamén, e en moita maior medida, combustíbeis fósiles (produtos petrolíferos e gas fósil).

(Actualización: xullo de 2024)