Grandes emisores

Segundo os datos sobre a aplicación do Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE), as dez industrias con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) lanzaron á atmosfera 3.054.630 toneladas durante 2024. Isto equivale ao 15,7% das emisións totais do país en 2022. Supón o 87,5% das emisións industriais galegas suxeitas ao RCDE.

Tres das cinco industrias galegas máis prexudiciais para o clima pertencen ao sector enerxético fósilA refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) e a central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) encabezan a listaxe de grandes emisores.

A planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa) foi a terceira maior emisora en 2024. Esta industria transforma bauxita importada de Guinea, abastecendo a planta de aluminio coa que forma un complexo industrial. A planta de aluminio tamén adoita figurar entre os grandes emisores mais en 2022 iniciou unha parada da súa actividade que continuou en 2024.

A central de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) ocupa o cuarto lugar. Tamén en Arteixo sitúase a planta de fabricación de hidróxeno cinsento de Meicende (Air Liquide), que emprega gas fósil (tamén chamado gas natural) como materia prima. Foi a quinta maior industria emisora en 2024.

A central de carbón das Pontes (Endesa), a maior fábrica galega de cambio climático entre a década de 1980 e 2020, que pechou definitivamente en outubro de 2023, non aparece por primeiro ano na lista de grandes emisores.

TOP 10 DE INDUSTRIAS EMISORAS DE GEI EN GALICIA (2024)
PosiciónIndustriaEmpresaSectorEmisións (toneladas)
1Refinaría de petróleo da CoruñaREPSOLEnerxía 1.009.602
2 Central eléctrica de gas fósil das PontesENDESAEnerxía578.671
3Planta de alúmina de San Cibrao (Cervo)ALCOAAluminio399.403
4Central eléctrica de gas fósil de Sabón (Arteixo)NATURGYEnerxía319.548
5Planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Arteixo)AIR LIQUIDEHidróxeno fósil200.756
6Fábrica de silicio de Sabón (Arteixo)FERROGLOBEMetalurxia147.169
7 Fábrica de bioetanol de CurtisVERTEXEnerxía142.650
8Magnesitas de RubiánMGRMinaría97.860
9Fábrica de produtos químicos de MugardosFORESTAL DEL ATLÁNTICOProdutos químicos orgánicos93.371
10Industrias del Tablero (San Sadurniño)INTASAMadeireiro65.600
Fonte: OGACLI a partir da Comisión Europea.

Na gráfica inserida máis abaixo pódese seguir a evolución das dez maiores industrias emisoras en 2024 desde o ano 2015. Salientamos a traxectoria da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña, cuxas emisións anuais superaron ou rozaron sempre o millón de toneladas, agás nos anos 2020 e 2021, moi inflúidos polos efectos socioeconómicos da Covid-19.

A central de gas fósil (ciclo combinado) das Pontes, o segundo maior foco emisor en 2024, multiplicou por máis de sete as súas emisións desde 2015. As baixas emisións desta central en 2020 débense a que estivo parada durante a maior parte dese ano, por causa de avarías e revisións.

Por primeiro ano desde a década de 1980, Endesa non foi a maior empresa emisora de gases de invernadoiro en Galicia, pasando do primeiro ao segundo lugar. Repsol foi a maior empresa emisora en 2024.

(Actualización: abril de 2025).

Unidade

CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global dos GEI considerados, en relación ao principal deles, o dióxido de carbono (CO2).

Nota

Os GEI considerados no RCDE, de cuxa verificación de emisións proceden os datos, son o dióxido de carbono (CO2), os perfluorocarbonos (PFCs) na produción de aluminio e o óxido nitroso (N2O) na fabricación dalgúns produtos na industria química.

Fonte

Union Registry. Páxina web da Comisión Europea sobre o RCDE.