Na análise do consumo de enerxía cómpre diferenciarmos entre enerxía primaria e enerxía final. A enerxía primaria son os recursos ou materias primas enerxéticas extraídos ou captados da natureza que son transformados para poderen ser consumidos nos diversos sectores de actividade (industria, transporte, fogares,…) como enerxía final (electricidade, calor, combustíbeis).
O uso de enerxía primaria pola economía galega atinxiu o pico histórico en 2007, ano en que ascendeu a 13,8 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep). Desde entón tendeu a diminuír, aínda que en 2018 practicamente volveuse acadar o máximo histórico.
No que levamos de século superouse case sempre o limiar dos 11 millóns de tep, agás en 2020 e 2021 (anos marcados pola pandemia da COVID-19) e en 2023, no que se rozaron os 11 millóns de tep.
O forte descenso rexistrado entre 2018 e 2020 debeuse á caída no uso de carbón (polo colapso deste combustíbel na xeración eléctrica) e de petróleo (polos efectos da COVID-19).
O petróleo é o recurso enerxético máis usado no noso país, aínda que se observa unha tendencia ao descenso no seu uso desde 2007, con altos e baixos.
Algo semellante aconteceu co carbón, mais o seu uso caeu abruptamente a partir de 2019, debido á falta de competitividade das centrais eléctricas de carbón pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións. Co peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023 o carbón desapareceu do noso mix enerxético.
En 2019, o gas fósil pasou a ser a segunda fonte de enerxía, substituíndo parcialmente o carbón na xeración eléctrica. É o recurso enerxético cuxo uso en Galicia aumentou máis desde o comezo de século.
En 2023 un 75% da enerxía primaria usada pola nosa economía foi importada de orixe fósil.
A achega conxunta das enerxías renovábeis, dominada pola auga, o vento e a biomasa, medrou desde o comezo do século. Porén, desde finais da década de 2000 anos obsérvase un lento desenvolvemento das enerxías renovábeis eléctricas e térmicas. Os altos e baixos debéronse ás variacións na produción hidroeléctrica, dependente da pluviosidade.
(Actualización: maio de 2025).
Unidade
Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.
Nota
A partir de 2021, mudáronse varias das fontes de datos empregadas polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o que afecta fundamentalmente aos valores para a biomasa. Polo tanto, os datos anteriores a 2021 non son totalmente comparábeis cos datos a partir de 2021.
Fontes
Balances enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia. Para o período 2000-2004, os respectivos balances anuais. Para 2005-2009, o balance de 2017 (páxina 14). Para 2010-2015, o balance de 2020 (páxina 15). Para 2016-2021, Consumo de enerxía primaria (versión 2024). Para 2021-2023, Consumo de enerxía primaria.
Uso e consumo de recursos enerxético en Galiza no século XX, Xoán R. Doldán García. En “O Antropoceno e a “Grande Aceleración”. Unha ollada desde Galicia”, Francisco Díaz-Fierros Viqueira (coordenador). Consello da Cultura Galega, 2019.