Por enerxía final enténdese a electricidade, calor e combustíbeis consumidos nos diferentes sectores. Obtense como resultado da transformación da enerxía primaria en diversos procesos.
O consumo galego de enerxía final chegou a niveis máximos a finais da primeira década deste século, situándose o pico histórico de consumo arredor dos 6,75 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep) (2008 e 2010). Na década 2001-2010 o consumo medrou unha media do 2% anual.
En 2013-2019 o consumo anual estabilizouse nuns 6 millóns de tep. Desde entón tendeu a baixar de forma acusada, sitúandose nos 4,8 millóns de tep en 2023.
O consumo actual de enerxía final iguala o insuficiente obxectivo de redución do consumo para 2030 incluído no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) do Ministerio para a Transición Ecolóxica, se se aplicar a Galicia o mesmo obxectivo formulado a escala estatal (ver documento do INEGA Obxectivos anos 2030).
Consumo por tipos de enerxía
Por tipos de enerxía, o maior consumo corresponde aos usos directos dos combustíbeis fósiles, que representan un 65% do total. Desde a década pasada obsérvase unha tendencia a un descenso suave do seu consumo, máis acusada en “outros usos” (transporte, sector primario, minas, construción) que no uso térmico.
No tocante á electricidade, o consumo tende a diminuír fortemente desde 2019, feito preocupante, dada a importancia dunha maior electrificación da economía para o avance da descarbonización.
A calor recuperada nas centrais de coxeración (alimentadas con enerxía fósil) tende a reducirse desde 2016.
As renovábeis de uso térmico (moi principalmente biomasa sólida emisora de dióxido de carbono e contaminantes atmosféricos) representan menos do 10% do consumo de enerxía final. Seguir a súa evolución nos últimos anos é difícil polos cambios nas fontes de datos utilizadas polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
Usando unha clasificación diferente á divulgada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) aprézase mellor a evolución do consumo final de produtos petrolíferos e de gas fósil. Estes datos obtivéronse previa solicitude e só están dispoñíbeis até 2022. Hai que ter en conta que tamén se consomen gas fósil e produtos petrolíferos na obtención de electricidade.
En 2022 baixou significativamente o consumo de electricidade e de gas fósil. Isto debeuse en grande medida ao inicio da parada temporal da fábrica de Alcoa en San Cibrao.
Consumo por sectores
Por sectores de actividade, os sectores produtivos (moi principalmente a industria) e o transporte demandan conxuntamente unhas tres cuartas partes de toda a enerxía final consumida na nosa terra.
O consumo de todos os sectores descendeu con respecto a 2010, nomeadamente na industria.
Consumo por provincias
O consumo de enerxía final distribúese polo territorio galego de forma desigual. A Coruña, a provincia con maior Produto Interior Bruto (PIB) e poboación e a segunda máis extensa, lidera a demanda enerxética en termos absolutos. Acapara aproximadamente o 40% do consumo galego.
Se se considera o consumo en relación á superficie, A Coruña tamén está á fronte, xunto con Pontevedra. Pola contra, en comparación coa poboación, a demanda enerxética é maior en Lugo, por causa de Alcoa San Cibrao.
O INEGA non nos facilitou datos sobre o consumo provincial para anos posteriores a 2021. Non se divulgan na súa páxina web.
(Actualización: outubro de 2025).
Unidade
Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.
Notas
As cifras do consumo de enerxía final teñen en conta o consumo final de electricidade e non a demanda de electricidade en “barras de central” (bc), isto é, a demanda logo de deducir o consumo nas propias centrais eléctricas mais sen descontar as perdas no transporte e a distribución.
Nos combustíbeis fóseis de uso térmico inclúense as enerxías residuais e os residuos non renovábeis, mentres nos outros usos dos combustíbeis fóseis inclúense os biocarburantes incorporados no gasóleo e gasolina auto. Nas renovábeis de uso térmico tense en conta a enerxía achegada polos denominados oficialmente residuos renovábeis.
Na comparación dos datos anteriores a 2021 cos datos a partir de 2021 hai que ter en conta os cambios nas fontes de datos usados para calcular os valores das renovábeis de uso térmico.
Fontes
Balances Enerxéticos anuais de Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Xunta de Galicia.
Consumo de enerxía final por sectores (2016-2022). Consumo de enerxía final por sectores (2021-2023). Páxina web do INEGA, Xunta de Galicia.
Consumo de enerxía final por provincias e por tipos (produtos petrolíferos, electricidade, gas fósil, renovábeis non eléctricas, residuos). Datos envíados polo INEGA, Xunta de Galicia. Non dispoñíbeis na súa páxina web.
Uso e consumo de recursos enerxético en Galiza no século XX, Xoán R. Doldán García. En “O Antropoceno e a “Grande Aceleración”. Unha ollada desde Galicia”, Francisco Díaz-Fierros Viqueira (coordenador). Consello da Cultura Galega, 2019.