O Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE), coñecido tamén polas súas siglas en inglés (ETS, European Emissions Trading) é un instrumento de mercado creado no ámbito da UE no que están obrigados a participar empresas do sector da aviación e de diversos sectores industriais intensivos en emisións de gases de invernadoiro. Funciona desde 2005.
-65,8% (2005-2020)
Baixo o RCDE outórganse dereitos de emisión ás instalacións industriais participantes. As instalacións que exceden a cantidade de dereitos outorgados deben comprar no mercado as toneladas emitidas de máis. Nese mercado as empresas que non usaron todos os seus dereitos poden vender as toneladas non consumidas. O volume total de dereitos de emisión que se poñen en circulación conforma un teito de emisións que vai diminuíndo de acordo cos obxectivos climáticos.
As emisións anuais de gases causantes de cambio climático das instalación afectadas polo RCDE no noso país ascenden a 3.491.608 toneladas (2024). Actualmente representan o 30,7% das emisións totais (2022), despois de suporen arredor do 50% durante a maior parte do período 2005-2020.
Obsérvase unha tendencia clara ao descenso das emisións das instalacións sometidas ao RCDE, moi acentuada a partir de 2018. En 2020, as emisións baixaron un 65,8 % fronte ás de 2005.
A afirmación anterior debe matizarse considerando que o ámbito de aplicación do RCDE foi mudando, diferenciándose catro fases diferentes de implementación. Os sectores e instalacións afectadas non coinciden totalmente para cada fase, polo que o máis axeitado sería compararmos os datos das emisións RCDE por fases.
As emisións dos sectores industriais afectados polo RCDE baixaron o 57,3% en 2020 con respecto a 2013. Sen desprezar a influencia da crise económica desencadeada pola COVID-19 en 2020, a maior parte desta redución foi debida á caída das emisións da xeración de electricidade con carbón.
Emisións durante a fase 4 (2021-2025)
O RCDE afectou en 2024 un total de 34 instalacións industriais galegas (ver listaxe na sección documentos) de diversos sectores: xeración eléctrica en centrais térmicas (3), instalacións de combustión de sectores non contemplados especificamente (16), refino de petróleo (1), produción de hidróxeno fósil (1), aceiro e ferroaleacións (5), aluminio (3), cemento (1), magnesita (1), pasta de papel (1) e fabricación de produtos químicos orgánicos (2).
Entre 2023 e 2024 as emisións de gases de efecto invernadoiro abranguidas polo RCDE no noso país pasaron de 4.578.841 a 3.491.608 toneladas (-1.087.233, -23,7%). É a cifra máis baixa desde que comezou a funcionar o comercio de emisións.
A caída das emisións industriais de gases causantes de cambio climático suxeitas ao RCDE en 2024 foi debida case en exclusiva ás centrais térmicas (-1.325.780 t, -59,6%). Despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023, o ano pasado foi o primeiro completo en Galicia sen produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de CO2. A isto hai que unir a baixada na actividade das centrais de ciclo combinado alimentadas con gas fósil, favorecida pola elevada xeración hidroeléctrica e o escaso aumento da demanda eléctrica.
No resto dos sectores industriais as emisións en 2024 subiron ou baixaron en moita menor medida que nas centrais térmicas. Salienta o forte ascenso das emisións da produción de aceiro e ferroaleacións (+74,2%), debido sobre todo á maior actividade da fábrica de Ferroglobe en Sabón (Arteixo). Tamén subiron de forma importante as emisións da fabricación de produtos químicos orgánicos (+37,2%) e do refino de petróleo (+9,9%).
(Actualización: abril de 2025).
Unidades
A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.
Porcentaxe das emisións RCDE sobre as emisións totais (%).
Notas
A partir de 2013, ademais do dióxido de carbono (CO2), aplícase o RCDE a outros GEI: os perfluorocarbonos (PFCs) na produción de aluminio, e o óxido nitroso (N2O) na fabricación dalgúns produtos na industria química. Tamén desde 2013, ademais de instalacións industriais, están sometidas ao RCDE as emisións das actividades de aviación operadas desde os aeroportos galegos con orixe ou destino en aeroportos de estados do Espazo Económico Europeo (UE, Noruega, Islandia, Liechtenstein), das que non dispomos de datos.
Unha das tres industrias do sector do aluminio, Alu Ibérica (antes Alcoa A Coruña), xa foi pechada e só rexistrou emisións en 2021.
Os sectores abranguidos polo RCDE non sempre inclúen todas as industrias emisoras, o que acontece especialmente no sector combustión-coxeración.
Fontes
Informes de emisión de gases de efecto invernadoiro en Galicia. Páxina web sobre cambio climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Informes de aplicación do RCDE en España. Páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Union Registry. Páxina web da Comisión Europea sobre o RCDE.