As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) asociadas á produción de electricidade non renovábel ascenderon a 1,42 millóns de toneladas en 2024, a cifra máis baixa de cando menos as últimas cinco décadas.
Na década de 2010, até a caída abrupta da produción das centrais de carbón en 2019 pola suba do prezo do CO2, as emisións anuais de GEI causadas polo uso de carbón, gas fósil, produtos petrolíferos e residuos non renovábeis na xeración eléctrica oscilaron entre os nove e os trece millóns de toneladas, dependendo da maior ou menor produción renovábel.
A xeración eléctrica foi até 2019, con moita diferenza, a actividade no noso territorio con maior impacto no clima global, supondo o 33-42% das emisións totais. A forte redución da electricidade xerada con carbón, a máis intensiva en emisións de CO2, fixo caer á metade o peso relativo do sector eléctrico nas emisións do país.
As centrais de ciclo combinado (gas fósil) das Pontes e Sabón e a central de carbón das Pontes, que figuran entre os grandes emisores, lideran as emisións derivadas da xeración eléctrica. A térmica de carbón das Pontes foi pechada en outubro de 2023.
Tamén é destacábel a achega das centrais de coxeración ligadas a diversas industrias, que podemos considerar dalgún xeito como parte do sector enerxético fósil, pois empregan gas fósil e produtos petrolíferos.
O avance da transición eléctrica durante os últimos 25 anos, co desenvolvemento das renovábeis eléctricas (nomeadamente da eólica) e o descenso e cesamento da produción con carbón, levou a unha forte redución das emisións, que se reflite no factor de emisión de GEI por unidade de electricidade xerada. Un indicador que dá conta da diminución da intensidade de carbono da electricidade producida en territorio galego.
Por causa do anterior, as emisións de gases causantes de cambio climático asociadas ao consumo eléctrico en Galicia son hoxe bastante inferiores ás de hai 10 ou 20 anos. Por exemplo, un fogar que consumise 3.000 kWh/ano (aproximadamente o consumo medio dun fogar español) tería provocado a emisión de máis dunha tonelada de GEI en 2011. Porén, en 2024, co mesmo consumo, orixinaría uns 180 kg.
O factor de emisión de GEI da electricidade varía ao longo do ano, sendo superior en verán que en inverno, época do ano na que a produción eléctrica renovábel é maior en Galicia, pois case toda ela depende da auga e do vento.
A redución canto antes a cero do factor de emisión da xeración eléctrica é fundamental para que unha maior electrificación da economía actúe como unha potente panca de desfosilización do consumo enerxético e, polo tanto, de mitigación da crise climática.
(Actualización: abril de 2025).
Unidades
CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.
Electricidade: MWh (1.000 kWh).
Porcentaxe das emisións da xeración eléctrica sobre as totais (%).
Notas
Os datos das emisións anuais das centrais de carbón e dos ciclos combinados proceden das verificacións efectuadas no marco do Réxime europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE). Para a estimación das emisións asociadas ás centrais de coxeración e á incineración de residuos non renovábeis (inorgánicos) empregáronse os factores de emisión por tecnoloxías usados por REE (2020) para o sistema eléctrico peninsular. Tamén se empregaron estes factores para a estimación das emisións das centrais de carbón e dos ciclos combinados a escala mensual.
Non se teñen en conta as emisións de fontes renovábeis emisoras de CO2 (centrais de biomasa, incineración de residuos orgánicos) porque non dispomos de datos.
Fontes
Union Registry. Páxina web da Comisión Europea sobre o RCDE.
Emisiones de CO2 asociadas a la generación de electricidad en España. Red Eléctrica de España, maio de 2020.
Red Data de Rede eléctrica.