Emisións de GEI por sectores

A evolución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) por sectores de actividade en 1990-2023, o mesmo que acontece coa das emisións por gases, ten sido dispar.

Sector enerxético

O sector enerxético, cuxas emisións orixínanse fundamentalmente nas centrais térmicas e na refinaría, foi o que máis diminuíu o seu impacto climático nas tres últimas décadas, tanto en termos absolutos como relativos.

En 2023 as emisións do sector enerxético foron un 78,8% inferiores ás de 1990 (-11.521.834 toneladas de CO2 eq). Pasou de ser, e con moita diferenza, o sector máis emisor en 1990, a ser superado en 2023 polo transporte e a produción agrogandeira (mesmo sen incluír nesta as emisións da maquinaria agrícola).

A redución das emisións totais nun 38,3% con respecto a 1990 débese, moi principalmente, ao sector enerxético. Explícase sobre todo polo desprazamento da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente de nova potencia renovábel, maioritariamente eólica, e máis pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019. 

Lamentabelmente, o forte descenso das emisións atinxido no sector enerxético en 2019-2021 puido acadarse uns 10 anos antes, de se ter reducido drasticamente, ou de ter cesado, a actividade das centrais de carbón das Pontes e Meirama (as máis intensivas en emisións de CO2), cando o seu papel de respaldo da xeración renovábel podía xa ser asumido polas centrais de gas fósil das Pontes e de Sabón, que comezaron a operar en 2007.

Ademais, a día de hoxe, a redución das emisións neste sector podería ser aínda ben maior do que foi de non se ter producido unha importante desaceleración da instalación de nova potencia renovábel eléctrica a partir de 2008.

Industria

A industria non enerxética tamén diminuíu a súa achega á crise climática, aínda que en moita menor medida que o sector enerxético.

En 2023 as emisións da industria ascenderon a 2.372.327 toneladas, fronte ás 4.129.069 de 1990 (-1.756.741 toneladas,-42,5%). As emisións da industria adoitaron estar por debaixo do nivel de 1990 desde 2015. En 2023 baixaron até o valor mínimo das últimas décadas.

O descenso das emisións industriais en 1990-2023 foi debido principalmente á industria metalúrxica, pola introdución de cambios tecnolóxicos e pola diminución da súa actividade.

Tamén descenderon as emisións vencelladas á xestión de residuos e augas residuais, en 204.231 toneladas de CO2 equivalente con respecto a 1990 (-30,9%). Un recorte debido á diminución das emisións do tratamento de augas residuais e da incineración sen aproveitamento enerxético de residuos.

Transporte

O transporte de persoas e mercadorías foi a actividade na que máis medraron  as emisións en Galicia desde 1990, tanto en termos absolutos como relativos, debido sobre todo ao transporte por estrada. Desde 2019 é o maior sector emisor. Entre 1990 e 2023 as emisións do transporte acrecentáronse nun 51,1%.

As emisións de GEI deste sector atinxiron un pico de 6,2 millóns de toneladas en 2007, no que estiveron perto de se duplicar as de 1990. Nos anos seguintes diminuíron por efecto da crise económica. Desde 2012 estabilizáronse arredor dos cinco millóns anuais de toneladas (exceptuando a caída en 2020 até 4,2 millóns, motivada pola COVID-19).

Residencial, comercial e institucional, sector primario

Estes sectores, agrupados na categoría “Outros sectores” no inventario oficial (categoría 1A4 en nomenclatura CRF), aumentaron as súas emisións derivadas do uso de combustíbeis fósiles nun 11,6% (+288.486 toneladas de CO2 eq) con respecto a 1990.

As emisións conxuntas destes sectores atinxiron o pico en 2014, ao chegar aos 3,7 millóns de toneladas. Desde aquela obsérvase unha tendencia ao descenso, até os 2,8 millóns en 2023.

Agricultura e gandaría

As emisións do sector agrario de orixe non fósil, protagonizadas pola gandaría, medraron o 15,7% (+525.207 toneladas) en relación a 1990, polo que se trata do sector onde máis creceron as emisións nas últimas décadas, só atrás do transporte.

Ademais é o único sector no que as emisións non diminuíron con respecto a 2005 (+0,6%, +21.294 toneladas).

O aumento das emisión neste sector é atribuíbel sobre todo á dixestión do gado vacún e, en menor medida, á xestión dos residuos gandeiros

(Actualización: setembro 2025).

Unidade

A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.

Notas

Os gases considerados son aqueles incluídos no Inventario estatal de GEI, elaborado conforme á Convención Marco das Nacións Unidas sobre cambio climático: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6). Polo tanto, non se inclúen contaminantes tóxicos como as partículas, o dióxido de nitróxeno (NO2) ou o dióxido de xofre (SO2). Non se inclúen as emisións de GEI do transporte aéreo e marítimo internacional nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa.

Fonte

Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto Invernadoiro (Serie 1990-2023). Ministerio para a Transición Ecolóxica.