A evolución das emisións dos diferentes Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) ten sido desigual ao longo do período 1990-2023.
As emisións de dióxido de carbono (CO2), ligadas case en exclusiva ao uso de enerxía fósil (o inventario oficial non inclúe as orixinadas pola queima de biomasa), diminuíron en 10,7 millóns de toneladas desde 1990 (-45,4%). A substitución da electricidade procedente do carbón por electricidade renovábel é a causa principal desta baixada.
Emisións cero de PFCs
Alén das de CO2, só se rebaixaron significativamente as emisións dos perfluorocarbonos (PFCs), reducidas a practicamente cero (-867.225 toneladas de CO2 eq con respecto a 1990).
A maior parte da baixada das emisións de PFCs aconteceu entre 1997 e 2001. Debeuse á diminución das emisións na produción de aluminio como resultado de melloras tecnolóxicas. No recorte practicamente total das emisións en 2023 influíu tamén a parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao.
A fiscalidade verde baixou as emisións de HFCs
Pola contra, as emisións dos hidrofluorocarbonos (HFCs) foron as que máis medraron en termos relativos. Comezaron a usarse en 1995 como substitutos de substancias prexudiciais para a capa de ozono en refrixeración e aire acondicionado.
En 2007-2014, as emisións de HFCs acadaron un teito de 850.000-950.000 de toneladas de CO2 eq. A entrada en vigor en 2015 dun imposto estatal aos gases fluorados (Lei 16/2013, de 29 de outubro), que desincentiva os de maior impacto climático e mellora o mantemento e recuperación dos gases nos equipamentos existentes, induciu unha caída brusca das emisións, que continuaron a diminuír nos anos seguintes. En 2018-2022 emitíronse arredor de 300.000 toneladas anuais. En 2023 baixaron até 212.411.
As emisións de hexafluoruro de xofre (SF6) multiplicáronse por tres desde 1990, mais a súa contía é moi pequena (16.602 toneladas de CO2 eq en 2023). Úsase sobre todo como illante en equipamentos eléctricos.
Crecen as emisións de metano
O metano (CH4) é o GEI cuxas emisións creceron máis en termos absolutos con respecto a 1990. Acrecentáronse en 395.434 toneladas de CO2 eq (+12,4%). Foi por causa moi principalmente do incremento das emisións da gandaría (sobre todo da vacún), pois as asociadas ao tratamento de residuos e augas residuais baixaron e as ligadas ao uso de enerxía fósil tamén medraron, mais son de contía moi inferior.
O sector agrario tamén é a principal orixe das emisións de óxido nitroso (N2O), que diminuíron o 5% (-54.424 t de CO2 eq) en comparación con 1990. No uso de enerxía fósil aumentaron as emisións deste gas, mentres diminuíron na produción agrogandeira e no tratamento de residuos.
A diferente evolución das emisións fixo que o peso de cada gas de invernadoiro nas emisións totais variase significativamente entre 1990 e 2023. Así, o CO2 pasou de representar o 82,1% das emisións en 1990 ao 72,7% en 2023. Mentres tanto, o peso do CH4 medrou do 11 ao 20,1% e o do N2O do 3,8 ao 5,9%.
(Actualización: setembro de 2025).
Unidades
CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.
Porcentaxe de cada gas de invernadoiro sobre as emisións totais (%).
Notas
Os gases considerados son aqueles incluídos no inventario estatal de gases de efecto invernadoiro, elaborado conforme á Convención Marco das Nacións Unidas sobre cambio climático.
Non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais, nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa, por non se incluíren no inventario oficial de emisións. Tampouco as emisións vencelladas aos cambios de uso do solo e á silvicultura, tratándose polo tanto de datos de emisións brutas.
Fonte
Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español gases de efecto Invernadoiro (Serie 1990-2023). Ministerio para a Transición Ecolóxica.