A gráfica que presentamos aquí permite visualizarmos como se distribúen as emisións dos diferentes gases de efecto invernadoiro (GEI) por grandes tipos e sectores de actividade.
Na primeira columna á esquerda represéntanse os GEI. As emisións dos hidrofluorocarbonos (HFC), dos perfluorocarbonos (PFC) e do hexafluoruro de xofre (SF6) agrúpanse nunha única categoría: gases fluorados.
Na columna central aparecen grandes tipos de actividades, de acordo coa clasificación CRF (siglas en inglés de “formato común para informes”) empregada nos inventarios oficiais de emisións de GEI.
Finalmente, na columna de dereita distribúense as emisións por grandes sectores de actividade. Neste caso, séguese tamén a devandita clasificación, mais con algunhas modificacións, indicadas ao final desta entrada no apartado Notas.
O dióxido de carbono (CO2) é o gas de invernadoiro que máis contribúe á crise climática global desde Galicia. Supuxo o 72,7% das emisións en 2023, fronte ao 20,1% do metano (CH4) e o 5,9% do óxido nitroso (N2O). Os gases fluorados representaron o 1,3% das emisións totais de GEI.
A transformación e o consumo final de enerxía fósil (procesado de enerxía na nomenclatura CRF) é, de lonxe, a maior fonte de CO2 e de GEI en xeral. É a orixe do 72% das emisións territoriais do país, o que dá conta da relevancia da transición enerxética no combate á emerxencia climática.
Despois do uso de enerxía fósil, a actividade máis emisora é a dixestión do gado (fermentación entérica) que supuxo o 11,9% de todas as emisións, seguida pola xestión dos residuos gandeiros, que representou o 6%. Datos que poñen de relevo o importante peso do sector agrario nas emisións, mesmo sen ter en conta as causadas pola maquinaria agrícola.
A achega dos procesos industriais (á marxe do consumo de enerxía fósil na industria) e do uso de certos produtos (sobre todo HFCs en aparellos de refrixeración e aire acondicionado) achegou o 3,7% das emisións totais. É a porcentaxe máis baixa desde 1990, o que se debe en grande medida á crise da industria metalúrxica.
Se se inclúe o uso de enerxía fósil, a agricultura e a gandaría liderou as emisións de GEI no noso país durante 2023. Emitiu 5.147.386 toneladas de CO2 eq, o que supón o 28,9% das emisións totais.
Na realidade, o impacto climático da gandaría e moi superior ao da agricultura, especialmente se considerarmos só a destinada á alimentación humana directa. Obviamente, todas as emisións da dixestión do gado e da xestión dos residuos gandeiros nas explotacións son atribuíbeis á gandaría, mais tamén boa parte das debidas ao uso de fertilizantes, pois aquí inclúense tamén a fertilización por pastoreo e por aplicación no solo de residuos gandeiros, alén do uso de fertilizantes sintéticos nitroxenados e outros.
O gado vacún é a principal fonte das emisións asociadas á gandaría. Alén de ser a causa da práctica totalidade das atribuíbeis á dixestión do gado, a maior parte das asociadas á xestión dos residuos gandeiros teñen a súa orixe no gado bovino, así como unha parte significativa das vinculadas ao uso de fertilizantes.
O transporte foi o segundo sector con maiores emisións en 2023. As 4.908.282 toneladas emitidas polo transporte de persoas e mercadorías representaron o 27,6% das emisións totais do país. Hai que ter en conta que na gráfica, así como nos inventarios oficiais elaborados no marco da Convención sobre Cambio Climático, non se inclúen as importantes emisións do transporte marítimo e aéreo internacionais.
(Actualización: setembro de 2025).
Unidade
A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.
Notas
As chamadas emisións fuxitivas, asociadas ao proceso do refino de petróleo e ao transporte e distribución do gas fósil, inclúense no sector enerxético.
As emisións de “outros”, englobadas no procesado de enerxía fósil (categoría 1A5), e que ascenderon a 12.906 t de CO2 eq en 2022, non se representan debido á súa pequena cantidade.
Ás emisións do sector da agricultura e a gandaría non derivadas da combustión súmanselle as derivadas do consumo de enerxía fósil neste sector e na silvicultura, debidas moi principalmente á maquinaria agrícola. No reparto de emisións feito pola clasificación CRF usada no inventario oficial, estas emisións vencelladas ao uso de enerxía fósil agrúpanse en “outros sectores” (1A4), xunto coas de fogares, comercios, edificios públicos e pesca. Por outro lado, dentro do sector agrario, non se representan no diagrama as emisións de CO2 derivadas da fertilización con urea e da aplicación de fertilizante con carbono, nin tampouco as de CH4 e N2O (as de CO2 non se consideran no inventario) provocadas polas queimas agrarias, pola súa pequena contía e para simplificar o diagrama.
As emisións da incineración de residuos para a produción de electricidade e, en xeral, dos aproveitamentos enerxéticos dos residuos, inclúense nas do sector enerxético, e non en xestión de residuos, ao igual que no inventario oficial.
Non se inclúen as emisións do transporte aéreo e marítimo internacionais, nin as de CO2 derivadas da queima de biomasa, por non se incluíren no inventario oficial de emisións. Tampouco as emisións vencelladas aos cambios de uso do solo e á silvicultura.
Fonte
Táboa coa desagregación territorial para Galicia do Inventario español de gases de efecto invernadoiro (Serie 1990-2023). Ministerio para a Transición Ecolóxica.