As partículas en suspensión de diámetro aerodinámico inferior a 2,5 micras (PM2,5) ou finas son un dos contaminantes atmosféricos máis prexudiciais para a saúde humana. Alén de se emitiren directamente, fórmanse na atmosfera a partir de reaccións doutros contaminante desprendidos como gases.
Durante 2023 superouse en case toda Galicia o limiar da concentración media anual no aire deste contaminante recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Isto é, os niveis de inmisión aínda son incompatíbeis coa protección adecuada da saúde humana.
Polo tanto, en Galicia tamén se respira aire sucio por PM2,5, a pesar de as emisións galegas de PM2,5 teren diminuído en 15.025 toneladas (-52,1%) en 2022 en comparación co ano 2000.
A maior fonte emisora de PM2,5 en 2022 foi a combustión en caldeiras domésticas e non industriais en xeral (40,4%), seguida polos lumes rurais (24,6%).
Aínda que o transporte por estrada reduciu moito as súas emisións no presente século, o tráfico urbano semella explicar en grande medida a exposición da poboación urbana a aire contaminado por PM2,5 en maior medida que no medio rural. Nas cidades portuarias tamén parecen ter unha influencia significativa as emisións do tráfico marítimo.
(Actualización: decembro de 2024).
Unidade
Toneladas
Nota
A pesar de a edición máis recente do Inventario español de Contaminantes Atmosféricos abranguer o período 1990-2022, só se dispón de datos para as PM2,5 a partir do ano 2000.
Fonte
Desagregación territorial para Galicia do Inventario estatal de Contaminantes Atmosféricos (1990-2022). Ministerio para a Transición Ecolóxica.