Emisións/absorcións LULUCF

O sector “Uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura” (LULUCF polas súas siglas en inglés) actúa en Galicia como sumidoiro de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), dado que as absorcións de dióxido de carbono (CO2) pola vexetación e os solos superan as súas emisións de CO2, óxido nitroso (N2O) e metano (CH4).

Cando se fala das emisións de GEI débese difenciar entre emisións brutas e emisións netas. As emisións brutas son as emisións de todos os sectores excluído o sector LULUCF. Se ás emisións brutas restamos as absorcións de CO2 debidas ao sector LULUCF obtéñense as emisións netas.

Atinxir rapidamente emisións netas cero (neutralidade climática) e, posteriormente, emisións negativas, debe ser o obxectivo da política climática.  

Desde 1990 as absorcións netas de GEI polo sector LULUCF en Galicia aumentaron o 57%. Esta tendencia ao incremento das absorcións no noso país presenta tres etapas diferenciadas:

No período 1990-1997 produciuse un crecemento pequeno, impulsado polo medre das absorcións en terras forestais e pola baixada das emisións asociadas á categoría terras de cultivo agrícola.

Entre 1997 e 1999 rexistrouse un forte aumento das absorcións, que pasan de -6,4 a -8,5 millóns de toneladas, debido á maior capacidade de absorción das terras forestais.

No período 1999-2018 as absorcións medraron de forma case continuada a un ritmo lento.

Desde 2018 as absorcións de CO2 tenden a diminuír lixeiramente.

Os bosques e as plantacións forestais son as superficies nas que teñen lugar a práctica totalidade das absorcións netas de CO2 en territorio galego. O inventario estatal de emisións considera as absorcións asociadas ás superficies arborizadas, absorcións dependentes dos ritmos de crecemento e idades das árbores e das superficies que cobren. O inventario tamén inclúe as absorcións ligadas ás terras obxecto de forestación ou reforestación, e máis a aquelas nas que acontecen procesos de rexeneración natural dos bosques por abandono de aproveitamentos agrarios e gandeiros.

As outras dúas categorías que contribúen de forma significativa ás absorcións de CO2 na nosa terra, aínda que en moitísima menor medida que as terras forestais, son os produtos madeireiros e a superficie de terras de pastoreo (denominadas “pastizales” no inventario estatal de emisións).

Os cambios na superficie de humidais e a explotación de turba deron lugar a emisións no período 1990-2008, en contías moi pequenas. A partir de 2009 ocasionaron absorcións, aínda que a súa achega á absorción total é moi residual.

As emisións do sector LULUCF en Galicia están dominadas polos “asentamentos ou artificial” e polas terras de cultivo, se ben nestas últimas tenden a diminuír desde 1990. Isto reflite o aumento da artificialización do territorio e a diminución das superficies de cultivo.

Cómpre suliñar que a estimación das absorcións/emisións do sector LULUCF presenta un elevado grao de incertidume. Por outro lado, as absorcións son reversíbeis, polo que superficies que agora actúan como sumidoiros poderían ser emisoras no futuro, o que dependerá en parte da evolución da crise climática.

No caso de Galicia tamén é relevante apuntar que a absorción de CO2 depende de xeito importante das plantacións de eucaliptos, cuxa superficie, hoxe claramente excesiva, cómpre limitar por razóns de conservación da biodiversidade e outras. 

Por todo o anterior, é fundamental non sobrevalorarmos o papel das absorcións na mitigación da crise climática e, sobre todo, non utilizalas como argumento para atrasar ou bloquear a transición enerxética e outras medidas necesarias para reducirmos todo o posíbel e canto antes as emisións brutas.

A senda seguida polas emisións netas (emisións brutas menos absorcións do sector LULUFC) ten sido similar á das emisións brutas. Porén, o seu descenso con respecto a 1990 aproximouse ao dobre en termos porcentuais, atinxindo o 66,6%, como consecuencia do forte aumento das absorcións.

Na revisión da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 realizada en 2025 a Xunta anticipou a meta da neutralidade climática para a nosa terra desde 2050 a 2040, o que constitúe un importante avance.

De se reduciren as emisións brutas nun 65% para 2030, en comparación con 1990, a neutralidade climática xa estaría moi próxima, sempre supondo un nivel de absorcións similar ao estimado para os últimos anos.

(Actualización: setembro de 2025).

Unidade

A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2.

Notas

As “Terras forestais” son aquelas terras con vexetación leñosa e coherente cos limiares empregados no Inventario Forestal Nacional. Tamén inclúe sistemas con vexetación inferior aos devanditos limiares mais que se agarda os superen.

As “Terras de cultivo” divídense en cultivos herbáceos e leñosos.

As “Terras de pastoreo” están dominadas por vexetación herbácea ou arbustiva, así como con vexetación leñosa con FCC (Fracción de Cabida Cuberta) maior ou igual a 10% que non se consideran “Terras de cultivo” e están por debaixo dos limiares empregados na categoría “Terras forestais”.

Na categoría “Humidais” téñense en conta as emisións asociadas á explotación de turbeiras e ao uso hortícola da turba e máis as emisións/absorcións nas terras convertidas en humidais.

En “Asentamentos ou artificial” contabilízanse as emisións orixinadas pola conversión doutros usos da terra (forestais, agrarios,…) en superficies artificiais.

En “Outras terras” considéranse as emisións orixinadas pola conversión doutros usos da terra a terras non incluídas noutras categorías.

En “Produtos madeireiros” inclúese a estimación das emisións/absorcións procedentes do cambio nas existencias de carbono depositado en produtos madeireiros (madeira aserrada, taboleiros a base de madeira, papel e cartón).

Fonte

Inventario de Gases de Efecto Invernadoiro de España (Serie 1990-2023). Ministerio para a Transición Ecolóxica.