O diagrama Sankey é un tipo de gráfica que ofrece unha visión global dos fluxos de enerxía que percorren a economía.
Na primeira columna á esquerda represéntase a enerxía primaria. Esta, mediante diversos procesos nos que se producen perdas, transfórmase en enerxía final (electricidade, calor e combustíbeis), representada na segunda columna. Finalmente, na terceira columna vemos o consumo de enerxía final por sectores e as exportacións ao resto do Estado español e ao estranxeiro.
Dado que o diagrama se basea nos datos do Balance enerxético de Galicia 2023 e que neste, a diferenza de edicións anteriores, non se especifican os rendementos globais da transformación das diferentes formas de enerxía primaria en final, o diagrama de Sankey non recolle as perdas.
Colocando o cursor entre as columnas podemos ver os fluxos de enerxía e a súa contía, expresada en miles de toneladas equivalentes de petróleo (ktep). En todos os casos refírense a enerxía final.
Ollando para a gráfica, compróbase que Galicia non dispón dun excedente enerxético real, baseado en recursos enerxéticos propios. Pola contra, é altamente dependente do exterior.
Unhas tres cuartas partes dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) sobre os que se sostivo o funcionamento da economía galega en 2023 foron de orixe fósil e, polo tanto, importados.
O petróleo é o recurso enerxético máis empregado, representando un 49,1% de toda a enerxía primaria usada en territorio galego durante 2023.
Un 12% da enerxía primaria perdeuse na súa transformación en enerxía final. Foi debido sobre todo aos procesos de conversión de petróleo, gas fósil e carbón en enerxía final.
Case toda a enerxía primaria renovábel procede de tres fontes: a auga, o vento e a biomasa. A auga e o vento empréganse para xerar electricidade e a biomasa principalmente para obter calor.
A achega do resto das renovábeis (sol, bombas de calor xeotérmicas e aerotérmicas, biogás,…) é aínda moi limitada.
A enerxía dispoñíbel para o consumo final ascendeu a 9,4 millóns de tep. A maior parte son combustíbeis fósiles (gasóleos, gasolina, gas fósil, etc). A electricidade, tanto a dispoñíbel como a consumida finalmente en Galicia, supuxo en 2023 menos dunha cuarta parte da total. Unha maior electrificación da economía é unha das vías máis importantes para a descarbonización.
O 53% da enerxía final obtida en Galicia durante 2023 foi exportada. O sector enerxético fósil é, de lonxe, o maior exportador de enerxía final. As exportacións están dominadas polos produtos petrolíferos. Ademais en 2023 disparouse a exportación de gas fósil, posibilitada pola regasificadora de Reganosa en Mugardos.
Tamén hai excedentes de electricidade renovábel, mais só durante unha parte do ano: considerando os balanzos eléctricos mensuais de Rede Eléctrica de España (REE), o noso país só adoita ser excedentario en electricidade renovábel de novembro a abril.
Os sectores produtivos (moi principalmente a industria) e máis o transporte acaparan unhas tres cuartas partes da enerxía final consumida en Galicia. Unha enerxía subministrada maioritariamente por combustíbeis fósiles, nomeadamente no transporte.
(Actualización: xuño de 2025).
Unidade
Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.
Notas
Para simplificarmos o diagrama Sankey tomáronse as seguintes opcións: a) as enerxías residuais obtidas no proceso de refino do petróleo e autoconsumidas no propio proceso (gas, fuel de refinaría e gasóleo de baleiro) contabilizáronse como combustíbeis fósiles; b) alén das perdas na transformación de enerxía primaria en enerxía final, tampouco se representaron as perdas de electricidade nas redes de transporte e distribución; c) biomasa inclúe biogás.
A calor de coxeración é a calor residual aproveitada do proceso de xeración de electricidade nas centrais de coxeración.
O INEGA inclúe no sector industrial tamén o consumo conxunto de pesca, agricultura e gandaría, minas e construción. Estes sectores consumiron en 2023 un total de 148.000 tep de produtos petrolíferos.
Os biocarburantes consómense mesturados coa gasolina e co gasóleo auto, aos que se incorporan nunha pequena proporción.
Fontes
Balance enerxético de Galicia 2023. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.
Consumo enerxético por sectores en Galicia. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.
Red Data. Rede Eléctrica.