O diagrama Sankey é un tipo de gráfica que ofrece unha visión global dos fluxos de enerxía que percorren a economía.
Na primeira columna á esquerda represéntase a enerxía primaria. Esta, mediante diversos procesos nos que se producen perdas, transfórmase en enerxía final (electricidade, calor e combustíbeis), representada na segunda columna. Finalmente, na terceira columna vemos o consumo de enerxía final por sectores e as exportacións ao resto do Estado español e ao estranxeiro.
Colocando o cursor entre as columnas podemos ver os fluxos de enerxía e a súa contía, expresada en miles de toneladas equivalentes de petróleo (ktep).
Ollando para a gráfica, compróbase que Galicia non dispón dun excedente enerxético real, baseado en recursos enerxéticos propios. Pola contra, é altamente dependente do exterior.
Unhas tres cuartas partes dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) dos que depende o funcionamento da economía galega son de orixe fósil e, polo tanto, importados.
O petróleo é o recurso enerxético máis empregado, representando a metade de toda a enerxía primaria usada en 2020. A crise desatada pola resposta á COVID-19 baixou a demanda de enerxía primaria de 11,81 a 10,23 millóns de tep entre 2019 e 2020.
Un 10% da enerxía primaria perdeuse na súa transformación en enerxía final. Foi debido sobre todo aos procesos de transformación de petróleo, gas e carbón, pois son máis ineficientes que os da transformación de enerxías renovábeis.
As fontes renovábeis autóctonas superaron en 2020, por primeira vez en décadas, o 25% de toda a enerxía primaria transformada, debido ao acusado descenso do uso de enerxía fósil con respecto ao ano anterior.
Case toda a enerxía primaria renovábel procede de tres fontes, cun peso similar: a auga, o vento e a biomasa. A auga e o vento empréganse para xerar electricidade e a biomasa principalmente para obter calor.
A achega do resto das renovábeis (sol, bombas de calor xeotérmicas e aerotérmicas, biogás,…) é aínda moi limitada.
A enerxía dispoñíbel para o consumo final ascendeu a 9,4 millóns de tep. A maior parte son combustíbeis fósiles (gasóleos, gasolina, gas, etc). A electricidade, tanto a dispoñíbel como a consumida finalmente en Galicia, supón só unha cuarta parte. Unha maior electrificación da economía é unha das vías para a descarbonización.
O 42% da enerxía final obtida en Galicia durante 2020 foi exportada. O sector enerxético fósil é, de lonxe, o maior exportador de enerxía final. As exportacións están dominadas polos produtos petrolíferos.
Tamén hai excedentes de electricidade renovábel, mais só durante unha parte do ano: considerando os balanzos eléctricos mensuais de Rede Eléctrica de España (REE), o noso país só adoita ser excedentario en electricidade renovábel de novembro a abril.
A industria e o transporte acaparan unhas tres cuartas partes da enerxía final consumida en Galicia. Unha enerxía subministrada maioritariamente por combustíbeis fósiles, nomeadamente no transporte.
(Actualización: xuño de 2022).
Unidade
Para facer comparábeis os datos dos distintos tipos de enerxía, cómpre establecer un termo de referencia común. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), seguindo a recomendación da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), utiliza como unidade enerxética a capacidade do petróleo para producir traballo. Así, defínese a tonelada equivalente de petróleo (tep) como 107 kcal (41,868 GJ), enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo.
Notas
Para simplificarmos o diagrama Sankey tomáronse as seguintes opcións. Non se incluíron os “residuos non renovábeis”, que só achegaron 5.000 tep en 2020. Por outro lado, as enerxías residuais obtidas no proceso de refino do petróleo e autoconsumidas no propio proceso (gas, fuel de refinaría e gasóleo de baleiro) contabilizáronse como combustíbeis fósiles. Ademais, non se representaron as perdas de electricidade nas redes de transporte e distribución.
A calor de coxeración é a calor residual aproveitada do proceso de xeración de electricidade nas centrais de coxeración.
O INEGA inclúe no sector industrial tamén o consumo conxunto de pesca, agricultura e gandaría, minas e construción. Estes sectores consumiron en 2020 un total de 230.000 tep de produtos petrolíferos.
Os biocarburantes consómense mesturados coa gasolina e co gasóleo auto, aos que se incorporan nunha pequena proporción.
Fontes
Balance enerxético de Galicia 2020. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta.
Consumo enerxético por sectores en Galicia. Páxina web do INEGA.
Red Data. Páxina web de Rede eléctrica de España (REE).