O informe do OGACLI As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020), baseado en datos oficiais, constata importantes descensos nas emisións de gases acifidificantes, gases precursores de ozono e partículas finas entre 1990 e 2020. Porén, aínda son insuficientes para garantir un aire limpo.
O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) elaborou o informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020), que complementa outro informe anterior sobre as emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Ambos os dous baseanse nos datos do máis recente inventario español do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O informe constata que as emisións de contaminantes atmosféricos baixaron en maior medida que as de gases de invernadoiro.
Baixan as emisións dos principais contaminantes atmosféricos agás as do metano e o amoníaco
As emisións de gases acidificantes reducíronse en 2020 nun 81% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 42%, en comparación con 1990. As emisións de partículas finas baixaron un 46% en relación a 2000.
No que atinxe ás de gases de invernadoiro, minguaron un 36% con respecto a 1990, lonxe aínda do obxectivo do 65% que se debería acadar en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París.
Considerando individualmente os contaminantes, destaca o descenso nun 98% das emisións de óxidos de xofre e nun 59% das de monóxido de carbono. Pola contra, medraron as emisións de metano e de amoníaco, nun 8% e nun 5%, respectivamente.
Contaminante | Tipo | Cambio 1990-2020 | Principais fontes (2020) |
Óxidos de xofre (SOx) | Gas acidificante | -97,7% | Transporte e maquinaria móbil (36,6%); procesos industriais sen combustión (33,8%). |
Óxidos de nitróxeno (NOx) | Gas acidificante e precursor de ozono | -42,0% | Transporte e maquinaria móbil (72,6%). |
Amoníaco (NH3) | Gas acidificante | +4,8% | Agricultura e gandaría (96,3%). |
Compostos orgánicos voláteis non metánicos (COVNM) | Gas precursor de ozono | -34,2% | Agricultura e gandaría (46,7%); uso de disolventes e outros produtos (23,4%). |
Metano (CH4) | Gas precursor de ozono e de invernadoiro | +8,1% | Agricultura e gandaría (82,3%) |
Monóxido de carbono (CO) | Gas precursor de ozono | -58,8% | Incendios forestais (38,8%); combustión non industrial (29,8%) |
Partículas finas (PM2,5) | Partículas en suspensión | -46,4% (2000-2020) | Combustión non industrial (42,4%); incendios forestais (27,2%). |
A transición enerxética e melloras tecnolóxicas reduciron as emisións
As causas principais da redución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e centrais de carbón.
O sector que máis contribuíu no noso país á diminución das emisións á atmosfera foi o enerxético. As súas emisións de gases acidificantes descenderon un 99%, as de precursores do ozono un 91% e as de gases causantes de cambio climático un 78%, sempre en relación a 1990. Ademais, reduciu as emisións de partículas finas un 95% entre 2000 e 2020.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos.
O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2020 a principal fonte de gases acidificantes (59% das emisión totais), mentres que o transporte e a maquinaria móbil liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (41%). No tocante ás partículas finas, a combustión non industrial (principalmente doméstica) foi a maior fonte (42%).
Aire aínda sucio a pesar da diminución das emisións
A diminución xeral das emisións de contaminantes atmosféricos axudou a reducir as concentracións de contaminantes no aire que respiramos (niveis de inmisión).
A pesar da redución das emisións, toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis esixentes que a normativa legal en vigor. Isto é debido principalmente aos niveis excesivos de partículas finas e de ozono troposférico que, en diversa medida, afectan tanto a Galicia urbana como a rural.
Tanto para mellorarmos a calidade do aire como para combatermos a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais.
Informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020)
Repercusion en medios
A emisión dos principais contaminantes atmosféricos caeu desde 1990: o sector enerxético xa non é a principal fonte. Nós diario.
Las emisiones de la mayoría de los contaminantes atmosféricos se redujeron en Galicia desde 1990. La Voz de Galicia.
Toda a poboacion galega respira aire nocivo para a saúde, segundo a normativa da OMS. Gciencia.
Baixan as emisións de gases de efecto invernadoiro, pero soben as emisións de metano e amoníaco en Galicia. Galicia confidencial.
As emisións en Galicia da maioría dos contaminantes atmosféricos reducíronse desde 1990. 21noticias.com